venres 24/09/21

A Xunta exclúe o galego da vacinación

O Sergas convoca a vacinarse contra a Covid con mensaxes só en castelán
Mozos e mozas agardando para vacinarse na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press) #vacinación #covid19 #xunta #sergas #galego #lingua #amesa
Mozos e mozas agardando para vacinarse na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar que a Xunta da Galiza está remitindo en castelán “información para o consentimento informado por representación para a vacinación fronte á Covid” no caso das persoas de entre 12 e 16 anos de idade. Na mesma liña, pais e nais de menores neste grupo de idade teñen comunicado á entidade a chegada de mensaxes de móbil nese mesmo idioma convocando a rapazada para a vacinación sen ofrecer a mesma información tamén en galego.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, crítica en declaracións a Nós Diario a actitude do Goberno galego co idioma desde o inicio da pandemia e denuncia unha clara involución neste ámbito. “A Xunta e o Sergas insisten en tratar o galego como se fose o propio virus desde o comezo da pandemia”, afirma Maceira, quen advirte de que “o seu modus operandi consiste no veto permanente ao uso do galego e en só introducilo parcialmente logo das protestas da Mesa e da cidadanía”.

Maceira entende este último episodio relacionado coa vacinación do grupo de idade de entre 12 e 16 anos como un exemplo máis do “desleixo” da Administración galega coa lingua. “A Covid está a evidenciar máis a actitude do Goberno galego a respecto do idioma coa inexistencia de consentimentos informados en galego, algo que xa foi obxecto de recriminación por parte do Consello de Europa e da propia Organización das Nacións Unidas”, afirma Maceira, quen aposta por “continuarmos a denunciar para obrigar a Xunta a rectificar”. Nesta liña adianta novas iniciativas nos próximos días para tentar corrixir o acontecido.

“Chove sobre mollado”, recalca o presidente da Mesa, quen lembra que “a propia Valedora do Pobo tense feito eco no seu informe de 2020 do proceso de exclusión do galego da sanidade pública e de maneira moi particular naqueles protocolos ligados á xestión da Covid”.

Nesta dirección, recorda como “o galego foi excluído da liña de información sobre o coronavirus ofrecida polo Sergas no número de teléfono 900400116 e só despois da denuncia da Mesa comezou a traballar para ofrecela en galego”. A este respecto, o informe da Valedora do Pobo destaca que a Consellaría de Sanidade, “consciente da importancia que ten para os cidadáns que se lles achegue a información sanitaria na lingua de preferencia de cada un deles, traballa activamente para facelo posíbel após as denuncias da Mesa”.

A Valedora do Pobo no seu relatorio de 2020 recolle un amplo repertorio de incumprimentos dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes durante a pandemia. Así, sinala “as mensaxes de certificado de contacto de coronavirus do Sergas só en castelán; a información sobre vacinas do Sergas exclusivamente en castelán sen ter solicitado as comunicacións nesta lingua; ou o uso exclusivo do castelán na liña telefónica de información do coronavirus do Sergas”.

A respecto das convocatorias para a vacinación, a Valedora do Pobo sinala que a “Dirección Xeral de Saúde Pública e a Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía manifestou que puido comprobarse que, nalgunha ocasión, os certificados de contacto por coronavirus, que se emitiron polas Xefaturas Territoriais de Sanidade, utilizaban só o idioma castelán”.

comentarios