A Xunta dita que a normalización lingüística tamén é ‘mandato legal’ para os concellos

A secretaría xeral de Política Lingüística e a dirección xeral de Administración local aclaran dúbidas nun informe sobre a ‘duplicidade de competencias’

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta da Coordenadora de Traballadoras de Normalización Lingüística, Anxos Sobriño
photo_camera A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta da Coordenadora de Traballadoras de Normalización Lingüística, Anxos Sobriño

Na mañá desta terza-feira, a Xunta de Galiza fixo público un informe sobre a relación de competencias en normalización lingüística nas Administracións locais. O documento, apresentado polo secretario xeral de Política Linguística e a directora xeral de Administración Local, Valentín García e Marta Fernández Tapias, pretende “clarificar” as responsabilidades legais dos Concellos nesta materia e entende que estas institucións teñen o “mandato legal” de promover e protexer a normalización da lingua galega.

Na rolda de prensa tamén estaba presente a presidenta da Coordenadora de Traballadoras de Normalización Lingüística, Anxos Sobriño. Segundo esta, “a partir da crise económica, os concellos comezaron a elaborar informes sobre duplicidade de competencias e sostibilidade financieira que condicionaban a contratación de técnicos de normalización lingüística e entorpecían o servizo”.

Após as socias da entidade detectaran o problema, a CTNL pasou a contactar coa secretaría xeral de Política Lingüística para procurar unha solución e así poñer en claro as competencias en normalización lingüística por parte das administracións locais. Desde a Coordenadora apuntan que esta competencia está recollida no Estatuto de Autonomía e na lei de Normalización Lingüística, mais era evadida ao procurar aplicar as políticas de contracción de gasto público.

A raíz disto, Política Lingüística transmitiu a problemática á dirección xeral de Administración Local, quen pasou a elaborar un informe “clarificador” sobre a relación de competencias. Segundo Marta Fernández, é preciso “manter un criterio único no exercicio de competencias en materia de normalización lingüística das administracións locais, que se entende que deben cumprir a obriga de promover a lingua galega, máis aínda cando son a institución máis próxima e que máis incide na cidadanía”, declara.

A directora xeral de Administración Local tamén destacou que a Xunta de Galicia traballa desde o ano 2010 nunha “liña estratéxica consolidada” a través da Rede de Dinamización Lingüística, onde xa colaboran -entre outras entidades- 171 concellos galegos. “Enténdese, pois, que non se require informe previo para que as administracións locais fagan exercicio das súas propias competencias neste tema”, engade. Por último, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García concluíu que o labor de normalización lingüística debe ser unha tarefa que atinxa “toda a sociedade”.

Comentarios