A Xunta de Castela e León deixa o galego fóra do horario lectivo

Através dunha orde da Consellaría de Educación, o goberno autónomo relega o ensino da lingua galega no Bierzo a horas extra-escolares. O BNG pide que a Xunta interveña en defensa do idioma. 

bierzo3

A Xunta de Castela e León vén de publicar unha orde através da Consellaría de Educación mediante a que se regula o currículo de Bacharelato de acordo aos novos criterios estabelecidos pola LOMCE. 

Na nova norma, o estudo da lingua galega, que até o de agora facía parte do currículo como materia optativa, fica relegada á súa aprendizaxe fóra do horario lectivo polo que se torna unha materia extraescolar. 

Neste senso, aquel estudantado interesado en estudar galego terá que ver incrementado o número de horas o que supón unha "discriminación negativa", sinalan desde Prolingua, a respeito de aqueloutro que opte por materias optativas diferentes. E é que pasarán de cursar 33 ou 34 semanas fronte ás 30 ordinarias ao se incrementar 4 horas a carga lectiva sen poder, aliás, usar o transporte escolar. 

O BNG pide á Xunta que interveña

Após coñecerse o contido do novo currículo desde o grupo parlamentar do BNG, a portavoz de lingua, Ana Pontón, rexistrou unha proposición non de lei na que reclama a intervención do goberno galego para que abra unha "vía de diálogo" coa Xunta de Castela e León en aras de procurar o mantemento do status que posúe até o de agora o estudo do galego no Bierzo. 

A nova orde recolle un incremento da carga lectiva do estudantado que elixa estudar galego de 4 horas semanais

Ao mesmo tempo, instan o executivo de Galiza a pular por unha mellor oferta desta materia xa que, sinalan desde a organización frontista, esta orde representa “un paso atrás” no ensino do galego no Bierzo e incumpre o establecido na lexislación vixente sobre a promoción do galego neste territorio. 

Para o Bloque, "urxe un diálogo entre a Xunta de Galiza e a de Castilla y León que permita resolver esta situación de xeito positivo para a lingua galega". Neste senso, engadiu Ana Pontón, "convén lembrar que os programas de promoción e difusión da lingua galega necesitan estabilidade e apoio institucional e evitarmos estes vaivéns que só dificultan o seu ensino". 

Comentarios