AO ACTO ASISTIU O PRESIDENTE LUSO, ANíBAL CAVACO SILVA

Feijóo asina na Coruña un memorando para o estudo do portugués na Galiza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asinou un Memorando coa Embaixada da República de Portugal en España para o ensino do portugués como lingua estranxeira no sistema non universitario galego, nun acordo que relacionou coa aprobación da Lei Paz-Andrade. 

Villares, Feijóo e Cavaco ás portas da RAG
photo_camera Villares, Feijóo e Cavaco ás portas da RAG

Nun acto que se desenvolveu na Coruña, na sede da Real Academia Galega (RAG) que contou coa presenza do presidente da República de Portugal, Anibal Cavaco Silva, quedou asinado o Memorando entre a Xunta e a Embaixada da República de Portugal en España para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario galego. Feijóo agradeceu o esforzo aos gobernos de España e Portugal ademais do Instituto Camões, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, “así como das persoas que contribuíron co seu traballo a que isto se materializase”. 

Lei Paz Andrade

O presidente da Xunta situou o memorando no camiño iniciado xa no 2012 coa celebración do Quinto Cumio Hispano-Portugués e que continuou coa aprobación por unanimidade da Lei Valentín Paz-Andrade en marzo de 2014, “destinada a abrirlle aos nosos estudantes as portas da lusofonía”, sinalou.

Feijóo di que o memorando "reafirma os vencellos entre Portugal e Galicia e afianza a amizade entre Portugal e España"

No seu discurso, Alberto Núñez Feijóo falou da necesidade de aproveitar no ensino a oportunidade “entre a lusofonía e os galegofalantes”. Segundo afirmou, o memorando “reafirma os vencellos entre Portugal e Galicia, afianza a amizade entre Portugal e España e representa un paso máis na tarefa da construción europea”.

Neste momento no ensino secundario é máis doado estudar portugués en Estremadura do que na Galiza

“A lembranza do tronco común das nosas linguas está na orixe deste acto”, sinalou ao tempo que se referiu ás oportunidades de futuro da relación entre as linguas. Fixo mención así a que o portugués é a sexta lingua máis falada no mundo, a quinta máis empregada en internet e a terceira en redes como facebook e twitter.

Non é este o primeiro aceno de Feijóo cara ao portugués. Mesmo nalgunha tertulia da caverna madrileña o presidente da Xunta ten defendido o caráter internacional da lingua galega através da lusofonía. Porén, a efeitos prácticos, neste momento en Estremadura existen máis aulas de ensino secundario leccionando português do que na Galiza.

Comentarios