Xosé Manuel Beiras, premio Luis Porteiro Garea da USC polo seu “labor activo a prol da lingua galega”

O xurado destacou a súa ampla traxectoria no ámbito académico, investigador e político.
Xosé Manuel Beiras, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Xosé Manuel Beiras, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O xurado da V edición do premio Luis Porteiro Garea acordou conceder o galardón de maneira unánime ao profesor xubilado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Manuel Beiras Torrado.

Os integrantes do xurado destacan “o seu labor activo a prol da lingua galega”, como profesor e, posteriormente, como catedrático e decano, “dado que exerceu un importante e permanente labor de promoción e defensa do idioma na docencia, na investigación e na propia xestión do centro”.

Beiras foi catedrático de Estrutura Económica da USC e defendeu o uso do galego nas aulas dende os seus inicios como profesor de Economía Política na Facultade de Dereito, entre 1964 e 1965; e, posteriormente, xa en 1968, como profesor de Estrutura e Institucións Económicas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

A universidade destaca que o intelectual e político galego desenvolveu tamén “un papel activo na promoción do uso do galego no ámbito da xestión, tanto como director de departamento durante máis de dez anos como na xestión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, centro do que foi decano puntualmente no ano 1972 e posteriormente entre 1982 e 1984”.

En canto ao seu traballo de investigación, o xurado pon en valor que Beiras "fixo uso do galego na súa actividade, nas súas publicacións de carácter académico e nos seus ensaios de forma habitual". Aínda que ten obra científica publicada noutros idiomas, “a meirande parte da investigación, dos traballos no marco dos proxectos de investigación e as súas publicación están no noso idioma”, sinala o xurado.

O xurado tamén destaca a súa “capacidade para facer escola no relativo ao cultivo do noso idioma e o compromiso académico coa Galiza: un bo exemplo son as numerosas teses en galego e sobre o noso país dirixidas ao longo da súa traxectoria, contribuíndo así a afianzar o uso do noso idioma no cultivo da ciencia económica”.

Saliéntase tamén “o seu compromiso co idioma galego na súa dilatada traxectoria de intervención na vida política do noso país”, facendo uso do galego de xeito consuetudinario e tamén promovendo e apoiando todo tipo de iniciativas sociais, culturais e lexislativas a prol do galego como idioma oficial.

Premio Luis Porteiro Garea

O galardón leva o nome de Luis Porteiro Garea, profesor que o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo a primeira lección en galego da que se ten constancia.

Neste sentido, recoñece a iniciativa, o traballo e a traxectoria da comunidade universitaria presente e pasada a prol da normalización do galego na universidade. Nas anteriores edicións deste premio foron recoñecidos Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade, Antón Costa Rico e Antonio Rigueiro, catedráticos de Química Orgánica, Dereito Mercantil, Historia da Educación e Enxeñaría de Montes, respectivamente.

Comentarios