A RAG VALORA UN POSÍBEL RECURSO AO TC

Xesús Alonso Montero: “A sentenza é unha mala noticia para a causa da lingua galega”

Como unha mala noticia para a causa da lingua galega recibe o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero a noticia da senteza do Tribunal Supremo que rexeita o recurso presentado contra do decreto do plurilingüísimo. A RAG está convocada a unha xuntanza coa Xunta. 

Xesús Alonso Montero
photo_camera Xesús Alonso Montero

O presidente da Academia Galega, Xesús Alonso Montero, enterouse da sentenza que rexeita o recurso presentado contra o decreto do plurilingüísmo polo propio conselleiro de Cultura Román Rodríguez no plenario do Consello da Cultura no que participaron esta quinta feira á tarde. “É unha mala noticia para a Academia e para a causa da lingua galega”, valora Alonso Montero, en declaracións a Sermos Galiza, sen adiantar aínda que presentarán novo recurso perante do Constitucional, decisión que, segundo sinala, terá que tomar o plenario do organismo. 

“Esta derrota refírese ao ámbito educativo. Vimos de perder unha batalla mais non significa que a guerra estea perdida, como pasou en moitas loitas por causas nobres e espirituais na historia da humanidade”, valora o presidente da RAG que entende que organismos, entidades e a sociedade que defende a lingua teñen que “instar o goberno a defender a lingua. Equivócanse se pensan que é unha vitoria sobre os defensores do galego porque se un goberno se pon do lado dos que non defenden a nosa lingua queda deslexitimado”. 

Xuntanza á volta das vacacións

 Anima a traballar por situar no goberno a “partidos políticos que leven entre os seus compromisos o idioma galego”. 

“A Academia ten noticia porque a Comisión Executiva ten estado co anterior conselleiro e con Núñez Feijóo de que desde a Xunta queren facer un plan de actuación en determinadas parcelas, na empresa, por exemplo. O que me temo é que por facer algo entendan publicar carteis ou dípticos, o que non é malo mais tampouco é substantivo. Cómpre facer un diagnóstico da cuestión mellor feito do que o ten a Xunta”, defende o presidente da Academia que destaca a creación no seo do organismo dunha comisión de sociolingüística para analizar a actual situación, da que saíu o decálogo remitido ao goberno. 

Para Alonso Montero, ten que ser o goberno da Xunta “quen tome a iniciativa, quen vaia na vangarda porque é quen ten recursos humanos e económicos para facelo”. A Academia está convocada para unha xuntanza despois das vacacións de primavera e contan poder “influír en que os plans non sexan de escaparate”.  Malia iso, Alonso Montero non dubida en afirmar que o galego “non está no espiñazo ideolóxico do PP que gobernou a Xunta a maior parte da súa existencia” polo que anima a traballar por situar no goberno a “partidos políticos que leven entre os seus compromisos o idioma galego”. 

Comentarios