Xa podemos facer operacións matemáticas complexas en galego

Chega a primeira calculadora científica en galego, un modelo que inclúe a ilustración da enxeñeira informática galega Ana Freire.

Mural de Ana Freire no CEIP Tomás de Villarroya. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mural de Ana Freire no CEIP Tomás de Villarroya. (Foto: Nós Diario)

Xa é posíbel facer operacións matemáticas complexas en galego, aínda que o Decreto do Plurilingüismo impida impartir esta materia na lingua da Galiza. O director xeral de Casio no Estado español, François Vilaprinyó, presentou esta quinta feira a primeira calculadora científica que inclúe a lingua galega na súa configuración e no seu manual de instrucións. O dispositivo estará dispoñíbel a partir do 1 de xuño.

Na presentación Vilaprinyó estivo acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O dirixente autonómico destacou a importancia de “promocionar a lingua propia no ámbito científico” a través da súa incorporación nas tecnoloxías e anunciou uns talleres, sen data definida, de formación para o profesorado desta nova calculadora.

A pesar destas declaracións de Política Lingüística, o Goberno da Xunta da Galiza mantén vixente o Decreto que impide impartir disciplinas como as Matemáticas en lingua galega. Ademais, o uso da lingua galega no ensino é residual: na Universidade de Santiago de Compostela só unha de catro horas de docencia é en galego.

Pola súa banda, Vilaprinyó engadiu que Casio está moi sensibilizada en materia lingüística, polo que o galego súmase ao castelán, catalán, eúscaro e portugués no décimo aniversario do modelo 'ClassWiz' da súa calculadora.

O acto foi presentado pola decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Elena Vázquez Cendón, que agradeceu á marca como sumou as matemáticas, a creatividade, a docencia e o compromiso social neste modelo.

Ademais, contou coa presenza do presidente da Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática e da Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas, Julio R. Taboada, e da licenciada e doutorada en matemáticas Cristina Naia. Ambos valoraron a colaboración da marca cos docentes ao interesarse por coñecer as súas necesidades na elaboración e deseño da calculadora.

Mulleres científicas

Outro dos aspectos destacados da presentación foi a visibilización das mulleres científicas que cobran protagonismo grazas a 17 artistas que deseñaron 17 ilustracións de distintas mulleres nas carcasas das calculadoras.

Un proxecto que, segundo explicou o responsable de comunicación da División Educativa de Casio España, Eloy Bernal, nace co obxectivo de “romper os estereotipos de xénero e achegar referentes femininos e recursos educativos ás aulas”.

A última incorporación é a imaxe da doutora e enxeñeira informática de Rábade (comarca de Lugo) Ana Freire, líder do proxecto 'STOP', de prevención de suicidios. No seu caso, a ilustración foi deseñada pola artista Lula Goce.

Freire explicou o funcionamento deste programa, que xera un algoritmo para detectar comportamentos suicidas, depresión ou trastornos alimentarios a través da actividade das persoas en redes sociais e pon en marcha campañas de prevención orientadas a eses perfís localizados.

Comentarios