8F/POLAS FILLAS DOS NOSOS FILLOS

A Quintana chea polo galego

A grande manifestación nacional de Queremos Galego ateigou o centro de Compostela. Unha multitude asistiu a unha convocatoria en defensa da lingua e contra as políticas do Goberno galego, que están a resultar nun retroceso histórico do noso idioma. Un grupo de nen@s encabezou a marcha cunha faixa que dicía: "Por nós". A Praza da Quintana ficou pequena para a enorme asistencia.

linguaIII-crop
photo_camera Cabeceira da marcha

Milleiros de persoas e centos de faixas e bandeiras ocuparon o centro de Compostela, onde desde a Alameda partiu a manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego baixo o lema 'Polas fillas dos nosos fillos'. A cidade recibiu a marcha cun día frío pero soleado, e a numerosa asistencia recordou as manifestacións semellantes que tiveron lugar entre 2009 e 2010 para protestar contra o decreto co que a Xunta do PP reduciu a presenza da lingua no ensino. A diversidade de idades e procedencias e o ambiente reivindicativo pero festivo dominaron a marcha. Un grupo de nen@s encabezou a multitude cunha pancarta que dicía: “Por nós”.

A mobilización partiu desde a Alameda de Compostela algo antes das 12:30 horas para alcanzar a Praza da Quintana, que ficou pequena ante o xigantesco poder de convocatoria, que a organización cifrou nunhas 25.000 persoas. Alí decorreu o acto final, presentado por Xosé Lois ‘O Carrabouxo’ e Isabel Risco. Un grupo de crianzas acompañad@s das súas nais dou lectura ao manifesto (e tamén se queixaron da falta de programación infantil actual na TVG e de revistas para a súa idade en galego) e pechou o acto Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, que denunciou que "o presidente da Xunta prefire gastar máis de 300.00 euros en Enrique Iglesias a que existan series en galego". Tamén houbo actuacións musicais de Caxade e Migallas e humor con Mofa e Befa. En twitter utilízase a etiqueta #QueremosGalego. Sermos Galiza publicou unha edición especial en papel.

Entre @s manifestantes se atopaban dirixentes políticos de BNG, AGE, Compromiso por Galicia, Podemos, PSdeG, Nós-UP ou Causa Galiza. O obxectivo da manifestación foi garantir un “futuro para o idioma, para Galiza, e isto pasa por parar e darlle a volta a política de odio ao galego”. Nese sentido, foron numerosas as faixas con mensaxes críticos contra o PP e a Xunta e berros como "Feijóo, escoita; Galiza está en loita". .

Comentarios