A nova edición do LGx15 compila ideas e experiencias para o futuro da lingua

Todos os vídeos desta nova edición están xa dispoñíbeis na canle de YouTube da CTNL.
Fotograma do vídeo (CTNL).
photo_camera Fotograma do vídeo (CTNL).

A Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) vén de publicar na súa canle de YouTube as intervencións da última edición do evento LGx15. Ideas para o futuro da lingua, que decorreu o pasado 16 de outubro en Compostela.

Trátase de seis intervencións de entre 12 e 16 minutos de duración que, segundo informa a CTNL, "compilan ideas, experiencias e recomendacións que poden mellorar o futuro da lingua". O evento contou coa colaboración do Concello de Santiago e a secretaría xeral de Política Lingüística, e estivo conducido por Carlos Meixide.

A primeira quenda foi para a actriz María Vázquez, que na peza 'Crianza en galego... Volver ás orixes' falou das súas decisións lingüísticas, que repercutiron na educación das súas crianzas e na súa actividade laboral, segundo sostivo.

Xosé Luís Reza, especialista en márketing, abordou o valor de mercado da lingua propia do país no vídeo 'O galego como elemento diferenciador', mentres a xornalista italiana afincada na Galiza Alice Piccardi narrou a súa experiencia e relación coa lingua após 20 anos vivindo aquí, no relatorio 'Alice no país da diglosia'.

Tamén houbo espazo para as novas tecnoloxías: Agos Reigosa, promotor de Twitch en Galego, ofreceu a charla 'Internet non é lugar para o galego'.

E a docente e coordinadora de Olloboi Ana Moreiras analizou "como un festival audiovisual escolar axuda a prestixiar a lingua entre a mocidade. A súa intervención foi 'Olloboi: normalización do galego no audiovisual que usa a mocidade'.

Aliás, o músico, compositor e produtor Paco Cerdeira Pakolas relatou o seu percorrido lingüístico entre México e a Galiza con 'Nin de eiquí nin de acolá'.

Evento completo

Comentarios