Volve a polémica a RTVE e ao Benidorm Fest co galego como protagonista

O Benidorm Fest volveu a crear outra polémica co galego na súa gala especial na que tamén participaron as Tanxugueiras. A emisión por RTVE prescindiu de subtitular a canción en galego ‘Pano corado’ colocando a frase “cantan en otro idioma”.

Un momento da actuación das Tanxugueiras no programa especial do Benidorm Fest. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un momento da actuación das Tanxugueiras no programa especial do Benidorm Fest (Foto: Nós Diario).

A polémica volve ao Benidorm Fest como consecuencia do trato que lle dan ao galego. Este evento musical realizou a noite do 6 de xaneiro unha edición especial retransmitida por RTVE que, co nome de Benidorm Fest Stars, procuraba render unha homenaxe aos grupos e cantantes que participaron na preselección no Estado español para Eurovisión.

O show lembrou as cancións coas que se presentaron, mais tamén buscaba ser “unha plataforma para a estrea dos seus novos traballos e traen moitas despois dun ano de éxitos musicais”, segundo a propia canle pública.

No caso das Tanxugueiras aproveitaron para presentar o tema ‘Pano Corado’ que, como todo o traballo discográfico no que se inclúe –‘Diluvio’- está integramente en galego.

No momento de actuar a cadea de televisión pública prescindiu de subtítulos empregando unicamente un que sinalaba “cantan en otro idioma” mentres que noutras actuacións, como a que realizou en inglés a artista Chanel, si contaron con subtítulos traducidos.

'Pano Corado'

A banda Tanxugueiras, formada polas irmás Olaia e Sabela Maneiro e máis Aida Tarrío, quixeron realizar coa peza ‘Pano Corado', un "canto ao amor libre e á diversidade", segundo declararon cando se estreou.

Os elementos tradicionais da Galiza volven ter un papel fundamental nesta obra das Tanxugueiras. Neste caso o pano, unha das pezas centrais do traxe tradicional, é o protagonista, transformado agora nun pano con todas as cores.

Esta rumba procura facer "unha chiscadela especial ás persoas LGTBQI+ e ás que non se senten aceptadas por ver ou entender o amor desde unha perspectiva diferente á heteronormativa".

Comentarios