Vinte anos de incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias en Galiza

O documento europeo que protexe as linguas rexionais ou minoritarias históricas de Europa celebra os seus vinte anos coas críticas á actuación dos gobernos español e galego polo seu incumprimento. A Mesa e AGAL exixen que os poderes públicos recoñezan os seus compromisos en materia lingüística coa UE
Mapa da Carta Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias
photo_camera Mapa da CELRM

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) asinada por 31 estados o 5 de novembro de 1992 establece que os adherentes, entre eles o Estado español, comprométense a cumprir os seus artigos e contribuír a manter e desenvolver a riqueza cultural de Europa e as súas tradicións, o recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias como expresión da riqueza cultural. Como primeiros obxectivos figuran desde entón o respecto da área xeográfica de cada lingua fóra das fronteiras administrativas, accións para promover, facilitar e protexer o seu uso así como facilitar o seu ensino.

“A aprobación da Carta Europea por parte do Estado español foi un paso adiante no recoñecemento simbólico da pluralidade lingüística do estado”, asegura Carlos Callón, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (A Mesa), “nalgúns espazos, como Navarra, si supuxo algúns pequenos adiantos para o seu idioma propio, mais para Galiza non supuxo nada”. Tamén considera positiva a propia carta Miquel R. Penas, Presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL). “En calquera parte do mundo un texto así sería positivo, o problema é cando se incumpre como acontece por parte do Estado español”.

Carlos Callón: “Nestes anos a Xunta non só non avanzou no cumprimento deste tratado internacional, senón que traballou conscientemente para a súa vulneración”

Críticas ao Estado español

Hai uns días un Comité de Expertos do Consello de Europa asegurou nun documento público que a Xunta de Galiza non protexe nin promociona abondo o idioma propio do país. Entre as críticas figuraba a "redución gradual" do ensino en lingua galega e a implantación do "decreto do plurilingüísmo" que puxo en práctica o PP nos últimos anos. Segundo datos proporcionados pola Mesa Pola Normalización Lingüística as estimacións máis optimistas indican que só o 20% do ensino non universitario se desenvolve en galego e que só o 3% dos centros de infantil das cidades declaran impartir as aulas na lingua propia do país.

“Nestes anos a Xunta non só non avanzou no cumprimento deste tratado internacional, senón que traballou conscientemente para a súa vulneración”, apunta o presidente de A Mesa, “lembremos que a Carta obriga a un modelo educativo esencialmente en galego, unha Administración galeguizada (incluída a de Xustiza), uns medios de comunicación privados que sexan monolingües (sabedes ben en Sermos Galiza o apoio que hai desde a Xunta) ou a recepción en Galiza das RTVs portuguesas”.

Sobre este último punto incide tamén o presidente de AGAL, para o que "as autoridades galegas e españolas deberían ter en conta que se non se seguen as recomendacións do propio Consello Europeo o empobrecemento virá tamén do punto de vista económico, somos o único país que falamos as dúas linguas románicas com maior puxanza a nivel mundial"

Miquel R. Penas: "As autoridades galegas e españolas deberían ter en conta que se non se seguen as recomendacións do propio Consello Europeo o empobrecemento virá tamén do punto de vista económico"

A Carta Europea

O acordo ratificado polos estados membros da Unión Europea, coñecido como Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (segundo a UNESCO habería que falar mellor de minorizadas), estabelece a defensa e protección daquelas linguas que carecen de oficialidade ou que teñen unha situación de debilidade fronte á lingua oficial do estado. Segundo datos da propia UE , máis de 40 millóns de cidadáns e cidadás empregan unha lingua con estas características.

A CELRM foi asinada por 31 estados e ratificada por 23 deles con posterioridade. O Estado español asinouna cando se creou e ratificouna en abril de 2001. Recoñece como oficiais nos estatutos de autonomía e outras que estes estatutos amparan e protexen, o galego (Galiza), catalán (Catalunya, Illes Balears, País Valencià e Aragón), euskera (Euskadi e unha parte de Nafarroa), occitano (Catalunya), asturiano (Asturias), leonés (Castilla y León) e aragonés (Aragón). Non están protexidas o tarifit (Melilla) e árabe marroquí (Ceuta), o euskera (na maior parte de Nafarroa), romaní (todo o territorio), asturleonés (Cantabria) e galego (Estremadura).

Os estados que asinan este documento teñen a obriga de remitir con carácter trianual o seu informe periódico. O último informe enviado polo Estado español enviouse en 2010 e trataba das actuacións levadas a cabo en materia de política lingüística desde o 2006 ao 2008, cando non gobernaba o PP.

Comentarios