'Por un contido infantil e xuvenil na TVG' revoluciona Twitter

Víctor Tilve: "O ideal é que a Galega recoñeza que a xente quere Xabarín Club"

Máis de sete milleiros de persoas apoian a campaña desencadeada pola conta 'Por un contido infantil e xuvenil na TVG', creada por un galego da 'Xeración Xabarín'.
IMG_20200915_135420
photo_camera Vítor Tilve.

Como dá comezo todo isto? Que o move a lanzar ese primeiro chío?
Pois en realidade, non ten nada que ver co que a xente pensa agora que é. Na miña casa consumiamos a aplicación do Xabarín Club, en Android, algunha vez funcionaba mal e tiña a mosca detrás da orella porque non se actualizaba, ás veces non ía... Entón puxen un chío noutra conta para informar outra usuaria, que buscaba contidos en galego, de que estaba esta aplicación. E esta persoa respondeume que non existía tal aplicación, así que fomos ver en Play Store e, efectivamente non estaba, en Appel Store si estaba pero levaba dous anos sen ser actualizada. E pensei que estaría ben saber que pasaba coa aplicación, se estaba abandonada ou se se estaba a actualizar... E así xurdiron ese Twitter e ese chío.

E que lle parece toda a repercusión que está a ter? E o papel d'A Mesa?
Máis ou menos coñezo A Mesa e cando fixen a conta, a miñ aintencón era tamén picarlle o cu á xente á que lle podía interesar o tema e a aquelas persoas ou entidades que movían máis xente ca min. Así que me fixei en medios, en grupos... Sinxelamente ía publicando cousas como lembrar que a Forta (Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos) traducía a diferentes linguas do Estado, e que parece que agora xa non sei fai e se se fai xa non é como antes... E foi entrando xente con máis seguidores e que levaba máis tempo en Twitter.

En que momento está aogra este proceso?
Os últimos chíos que puxen foron do tipo "que fago agora?". Para manter vivo o que hai alí, o esforzo será enorme, teño familia, teño traballo... Non esperaba toda esta repercusión pero tamén hai xente que se implicou, xa non son só eu, simplemente cheguei no momento axeitado. Así que estamos a tentar manter isto vivo, A Mesa tamén ten plans... E o ideal sería chegar a que a TVG (Televisión da Galiza) fixese caso e recoñecese que hai unha demanda evidente, que dixese "imos facer caso e propor unha oferta, porque podemos garantir que vai haber xente consumindo os produtos que poñamos nunha aplicación, nunha canle 24 horas ou nun xogo d'Os bolechas...". Contidos fáciles e accesíbeis para as crianzas.

Nalgún momento pensou contactar coa TVG?
Non preguntei directamente na TVG nada, porque foi sinxelamente facer unha conta no Twitter para comentar dunha maneira informal. Como dicir, "oe, que pasa con isto?". Pero trátase dunha cousa positiva, neste caso dunha crítica construtiva, porque as cousas que eu vía na aplicación do Xabarín estaban ben, tiña moitos produtos, era unha moi boa aplicación. Non fixen unha pregunta formal nin moito menos porque sempre pensei que era unha cuestión sinxela. Aínda que de momento tampouco souben nada da TVG.

Lémbrenos por que importa esa aplicación?
Nela hai recursos que gustan moito pero logo, na grella da TVG2, nunca os vin. É dicir, están na aplicación pero non na tele, ou están na tele pero non na aplicación. Parece un pouco importante coordinar todo, saber se temos debuxos actuais ou non, se temos contidos baixo demanda ou non... Ao final, na tele sae un contido seleccionado e se lles gusta ás crianzas van pedir máis. Se hoxe queren ver Peppa Pig téñena onde queiran, ou Pocoyó que ten a súa propia aplicación. Pero se queres ver algo en galego...

Comentarios