'Vexo Veo Xacobeo', o videoxogo de Turismo que mestura galego e español

A campaña, que mistura de galego e español no título, diríxese a centros de ensino dos concellos polos que pasa o Camiño.
A directora de Turismo da Galiza, Nava Castro. (Foto: Xunta)
photo_camera A directora de Turismo da Galiza, Nava Castro. (Foto: Xunta)

'Vexo Veo Xacobeo' é o nome dunha iniciativa impulsada por Turismo da Xunta e dirixida aos cativos de educación Infantil e Primaria.

Un programa que leva no seu título toda unha declaración de intencións sobre o 'bilingüismo harmónico' que a Xunta gobernada polo PP leva defendendo todos estes anos, con Manuel Fraga, con Alberto Núñez Feixoo e agora con Alfonso Rueda.

Galego e castelán mestúranse xa no propio nome desta iniciativa, que entre outras actividades vai ter un videoxogo.

A directora de Turismo, Nava Castro, participou esta sexta feira en Caldas nun acto no marco do mencionado proxecto 'Vexo Veo Xacobeo'. A iniciativa que está a percorrer diferentes centros educativos da Galiza levando no seu título un combinado de galego e español está impulsada pola Administración pública da Galiza, encargada de promover  a lingua propia.

Castro afirmou que as crianzas "deben coñecer que o Camiño forma parte da identidade da Galiza e que se trata dun elemento cultural e patrimomial de primeira orde".

Neste sentido, o proxecto impulsará varias iniciativas en centros educativos dos concellos polos que decorre o Camiño, co obxectivo de "achegar aos máis pequeno o coñecemento dunha parte fundamental da nosa cultura", mais sen facer ningunha referencia á promoción do galego.

Comentarios