O valor do galego para as marcas comerciais, a estudo nun libro da RAG

O traballo está dispoñíbel en edición dixital. Analiza, entre outros, nomes de adegas e viños, cabeceiras de xornal e establecementos comerciais.
RAG onomástica

A Real Academia Galega (RAG) presentou o seu libro Estudos de Onomástica Galega V. Os nomes comerciais, que publicou para recoller as achegas sobre o valor do galego para as marcas na V Xornada de Onomástica Galega celebrada o pasado novembro.

O libro está dispoñíbel en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal e, como sinalou a RAG nun comunicado, incide no valor semiótico das marcas, "que se estende xa ao ámbito da normalización lingüística".

Co apoio da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega celebra anualmente desde 2016 estas xornadas que se centran nos nomes propios e que na edición de 2020 -realizada telemáticamente debido á pandemia de covid-19- abordou os nomes comerciais.

Esta iniciativa complétase ademais coa publicación dos traballos en cada encontro. O volume presentado inclúe un estudo no que o profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado tenta dar resposta a "canto vale un nome" mentres examina os conceptos de valor, nome, marca empresa e dominio das marcas galegas máis coñecidas.

A profesora da Universidade de Santiago María Álvarez de la Granja encárgase de analizar os recursos lingüísticos ao servizo das marcas e os nomes comerciais, desde a metonimia e a metáfora até os xogos de palabras. O libro contén tamén un artigo da filóloga Raquel Rodríguez Parada, que se basea na investigación que realizou sobre os nomes de adegas e dos caldos inscritos na denominación de orixe Ribeiro, así como dos vermús, augardentes e licores da zona.

O presidente da RAG Víctor F. Freixanes colabora tamén na publicación con "un percorrido polas primeiras cabeceiras de xornal en galego, entre as que tamén é común o uso de topónimos e gentilicios". A Academia recalcou o valor das experiencias didácticas, "unha sección recorrente nas xornadas celebradas polo Seminario de Onomástica" e que, nesta ocasión, correu a cargo de Celtia Rei Brandón, do IES Alexandre Bóveda (Vigo).

A profesora analizou xunto ao seu alumnado a lingua galega nos establecementos comerciais dos barrios vigueses de Bouzas e Coia.

O volume complétano algunhas reflexións desde a perspectiva empresarial da zoqueira Elena Ferro, as deseñadoras Irene García e Raquel Boo, e Xosé González, "que leva década traballando na promoción do galego no sector empresarial".

Comentarios