Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística

"No PP somos tamén galegofalantes, todos os gobernos do PP aprobaron normas e ao galego tampouco lle foi tan mal”

“Declaracións en campaña electoral” a raíz dun caso concreto en Balears. A isto reduciu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a proposta de Casado de prohibir que se requira o galego para acceder a un emprego público.

[Imaxe: Luis Polo] Valentín García
photo_camera [Imaxe: Luis Polo] Valentín García

“Nas campañas electorais fanse ducias de afirmacións que se plasman despois en textos de carácter formal ou non”. Así respondía na mañá da quinta feira Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, unha pregunta formulada pola deputada do PSdeG Concepción Burgo nunha comisión parlamentar a respecto da proposta do PP de prohibir que se requira o galego para acceder a un emprego público.

O responsábel da política lingüística reduciu a “declaracións en campaña electoral” a proposta de Pablo Casado e advertiu de que o líder do PP se refería a un caso concreto en Balears que “non se chegaría a dar nunca na Galiza”.

Lembrou García que unha semana despois de propor a modificación da lei para prohibir o galego como requirimento no acceso á función pública Casado situou o galego como “modelo lingüístico ideal para o resto do Estado”. Ademais, sinalou que non existe “nin outro horizonte nin outra perspectiva” que non sexa a lexislación actual.

“No PP somos tamén galegofalantes e todos os gobernos do PP aprobaron normas e ao galego tampouco lle foi tan mal”

O PP, dixo o secretario xeral de Política Lingüística, “sempre defendeu o galego na Galiza”. “No PP somos tamén galegofalantes e todos os gobernos do PP aprobaron normas e ao galego tampouco lle foi tan mal”. Criticou que alcaldes do PSOE -como no seu día Francisco Vázquez ou Abel Caballero- non usasen o galego.

Concepción Burgo criticou o “proceso de recentralización” do PP e alertou das dificultades de poder usar o galego na administración pública se “os que traballan non teñen a obriga a coñecer o idioma”. Cualificou a proposta de Casado de “preconstitucional”.

Comentarios