O secretario xeral de Política Lingüística di que non é “complicado” chegar a acordos con Queremos Galego

Despois de que a Xunta se persoara no Supremo para presentar un recurso de casación por non topar “diálogo” arredor da lingua, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García ven de afirmar que “non é complicado” chegar a acordo cos colectivos normalizadores.
Valentin García
photo_camera Valentin García

As augas andan revoltas arredor da lingua en San Caetano. Se a Consellería de Cultura e Educacion emitía hai dous días un rotundo comunicado polo que explicaba que se persoaba diante do Tribunal Supremo por non atopar unha “resposta dialogante” á proposta de Feijóo arredor do decreto do plurilingüísmo, agora o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, en declaracións á Radio Galega ven de afirmar que non é “complicado” chegar a acordos cos colectivos normalizadores.

Cinco días despois da multitudinaria mobilización que Queremos Galego convocou en Compostela, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, en entrevista á rádio pública galega ven de afirmar que non é difícil “chegar a un punto de encontro” con quen ven de pedir con contundencia a derrogación do decreto de plurilingüísmo. Afirmou, no entanto, que as mobilizacións non fan ningún favor á lingua.

De todas as maneiras, García defendeu que o ensino non era peza clave no proxecto normalizador e que tampouco vía acaído centrar as reivindicacións nun decreto que, ao seu ver, é lexítimo no 95%. Deixou ver, polo tanto, a necesidade de aparcar a polémica arredor do decreto para conseguir acadar un acordo coas entidades que defenden a normalización lingüística. Como argumento, defendeu que só un 4% da cidanía fala galego polo ensino mentres outros ámbitos de socialización teñen moita máis importancia no proceso normalizador.

Só hai tres días que a Consellaría anunciou que se persoaba diante do Supremo co fin de presentar un recurso de casación contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza galego arredor do decreto do plurilingüísmo. No comunicado deixaban constancia de que o trámite fora feito no último día á espera de se producir “algunha resposta dialogante e construtiva acerca da proposta que no seu día fixo o presidente da Xunta”. Remataban que, ante a imposibilidade de acordo, seguirían coa tramitación xudicial.

Comentarios