“A Valedora debe dimitir”: concentración da Mesa o 18 de outubro

Por amparar a vulneración de dereitos lingüísticos.

20150902_VALEDORA_-6

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca unha concentración para esta cuarta feira, 18 de outubro, ás 11:30 en Compostela, para solicitar a dimisión da Valedora do pobo por “amparar a vulneración dos dereitos lingüísticos polo uso do galego”.

A valedora do Pobo actúa nas cuestións relacionadas coa lingua  galega cunha visión ideolóxica e sectaria que impiden que continúe no seu cargo un minuto máis”.

A Mesa afirma que desde a súa chegada ao cargo, Milagros Otero ten recibido ducias de casos de vulneración dos dereitos lingüísticos polo uso do galego. “En todos os casos, os expedientes e investigacións abertas terminan xustificando as actitudes contra o galego e nalgúns indo máis alá que a propia administración”. Pon exemplos: a queixa presentada pola CIG Ensino e A Mesa en relación coa redución do horario en galego coa Lomce que aínda é máis que o xa limitado polo Decreto de plurilingüísmo; o da nena de 9 anos que sufriu abuso de autoridade por empregar a forma Galiza nunha redacción; ou no caso dos sinais de tránsito de Gondomar advertindo de que a toponimia debe estar en castelán obviando que segundo a Lei de normalización lingüísitica, a única forma legal é a galega.

A isto engádense actuacións como a petición da valedora da edición en castelán da cartilla de vacinas. “Segundo a lei que regula a institución, a súa función debe ser velar polo exercicio dos dereitos fundamentais e as liberdades, mais actúa como se o dereito ao uso pleno e libre do galego non existir ou non fose merecente de facelo. A valedora do Pobo actúa nas cuestións relacionadas coa lingua  galega cunha visión ideolóxica e sectaria que impiden que continúe no seu cargo un minuto máis”.

Comentarios