sábado 16/01/21

Palabras con memoria: Vaia tempo tan curioso!

A Coruña (Foto: Europa Press)
A Coruña (Foto: Europa Press)

anobreguecer.- Anoitecer.

Exemplo.- "Cando chegaron as vacas á casa case anobreguecía."

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- ENDL de Navia de Suarna.

bornaza.- Néboa mesta.

Lugar de escoita.- Fornelos de Montes.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

Outros apuntamentos.- Indica o informante que un compañeiro o escoitou alí e adoptou esa palabra.

burateira.- (Referido á neve) A que por ser moi fina se mete por todos os buratos.

Lugar de escoita.- Baltar (Ourense).

Fonte.- Xesús Baños.

día golpeiro.- (Expresión) Cando a borraxeira chega ás casas e os golpes, camuflados nela, poden chegar aos galiñeiros.

Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.

Fonte.- Vanessa García Calvo.

fatana.- Folerpa de neve.

Exemplo.- "Ía frío e comezaban a caer fatanas."

Lugar de escoita.- Cerdeira (As Neves).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

guilso.- Dise da precipitación de auganeve.

Lugar de escoita.- Becerreá.

Fonte.- Sandra López Gómez (Sandra "de pelucas").

mornaseira.- Tempo nubrado e inestábel, pero con calor.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

comentarios