Como dicilo?

Vacas, por Henrique Harguindey

Produción leiteira

«Un millón de vacas » caracterizaba Manuel Rivas o noso país con fulgurante fórmula no ano 1990. Hoxe, case trinta anos despois : cantas?

Con todo, o gando vacún segue aínda impregnando a nosa vida e segue presente no noso xeito de falar. Así, seguimos a dicir Outra vaca no millo! cando estamos ante algo que sai manifestamente fóra do sentido común : Outra animalada! E cando estamos ante unha disxuntiva, é dicir cando temos que escoller obrigadamente entre dúas posibilidades, dicimos : Se non é boi é vaca.

O boi, grande e voluminoso, anda moi  pousadamente, moi amodo, é iso o que expresamos cando dicimos a paso de boi. Porque no país galego aínda se ven máis bois ca tartarugas. E entre os bois pousóns os que levan a sona son os das terras padronesas que nos traen ecos rosaliáns : con máis calma ca un boi de Laíño.

O boi, animal tradicional da arada, tamén aparece na locución saber con que bois se ara. Ben sei con que bois aro ven sendo « ben sei con que ferramentas conto » ou « ben sei como é a xente  coa que ando ». Sería equivalente ao español  Sé con qué mimbres cuento.

O boi (ou a vaca) ao arar vai abrindo na terra un rego, e se se desvía hai que volvelo ao rego, ao camiño correcto, ao bo camiño. De aí que teñamos as expresións figuradas para falar de persoas « desviadas » : Hai que traelo ao rego /Has volver ao rego/ Deixa que xa ha vir ao rego /Levouno outra vez ao rego.

O rego pode ser unha canle que leve auga, un regueiro, un regato ou regacho, ou unha canalización urbana de auga (velaí temos na Coruña o Rego de Auga) e o rego de sementar non ten a única función de transportar a auga que rega as terras de labor, aínda que tamén aporta algo dela,  que é precisa para as plantas. En calquera caso, cando queremos advertirlle a alguén dun camiño enganado, dicimos : Non vai por aí a auga ao rego.

Rego é unha forma alternativa a chorro, aínda que esta palabra non é necesariamente un castelanismo ao existir en euskera e portugués : Bótalle un reguiño de vinagre.

Lembremos, ao pasar, que en galego a acción de regar é feminina, a rega, en tanto que o rego é a canalización. É moi coñecida esta cantiguiña popular :

            Eu pedinlle leite á vaca,

            a vaca pediume herba,

            a herbiña pediume prado

            e o prado pediume rega

A auguiña, boa falta fai !

           

Comentarios