Uxío Broullón: "No último ano metemos 80 podcasts novos no directorio, os mesmos que en catro anos"

Uxío Broullón é un ilustrador e deseñador gráfico que xunto con Isaac González dirixe e xestiona o proxecto “Podgalego”, un directorio no que as interesadas no mundo do podcasting poden atopar todos os podcasts en lingua galega dos que os seus xestores teñen constancia. No directorio, ademais dunha ficha técnica con datos de cada programa, tamén se poden atopar diversos recursos tanto para as persoas ouvintes como para as creadoras de contido. Para Broullón, non é un traballo, senón unha actividade relaxada.  
Broullón participa nun podcast xunto a Cristina Terceiro e Fran da Lobeira. (Foto: Nós Diario) #podcast #galego #lingua #podgalego
photo_camera Broullón participa nun podcast xunto a Cristina Terceiro e Fran da Lobeira. (Foto: Nós Diario)

-Como naceu “Podgalego”?

O proxecto naceu hai quince anos xa. Polo que lembro, en 2006, había poucos podcasts en galego. Eu sempre pensaba se non habería máis, e a raíz diso, Isaac González, que estaba convencido de que había moitos outros podcasts dos que non se tiña constancia, comezou a idear iniciativas para darlles visibilidade. Iso coincidiu cunha xuntanza de blogueiros na que Pedro Silva, que levaba “Blog Galiza”, tamén me comentou que quizais era boa idea confeccionar un directorio no que se recollesen todos eses programas. Como eles dous tiñan moito máis clara a idea, animeinos a que a sacasen adiante. Nun principio, eu non estaba demasiado interesado en implicarme, pero ao final acabei metido. Fixemos un foro para ir decidindo aspectos diversos. “Podgalego” naceu como un directorio ao que se lle foron engadindo diferentes ferramentas, como espazos onde atopar música libre, aplicacións para editar o audio... Pouco a pouco foi esmorecendo porque era moito traballo. Ademais, os podcasts en galego tamén comezaron a esmorecer. Durante cinco anos, máis ou menos, o proxecto quedou paralizado. En 2016, Isaac decidiu recuperalo e enfocalo só como un directorio.

-O podcast está a vivir un momento de auxe na Galiza. Festivais como o Carballo InterPlay levan anos a facer encontros para podcasteiros do país.

O ano pasado, a raíz do InterPlay, Isaac acudiu a un encontro podcasteiro promovido polos organizadores do festival. Nese momento decidiu que era boa idea comezar a confeccionar unha comunidade. Volveu contactar comigo e decidimos darlle unha volta á web. Incluímos recursos, como enlaces ás redes sociais de cada podcast, e modernizamos os antigos. A idea era axudar e favorecer que os ouvintes poidan avanzar nos seus podcasts favoritos, facilitándolles o acceso ás novidades. Temos tamén un grupo de Telegram no que xa participamos máis de setenta podcasteiras, co obxectivo de axudarnos, intercambiar opinións e comentarios, facer grupo... 

-Como ve o panorama actual do mundo das creadoras de podcasts en galego?

No último ano xa metemos oitenta podcasts novos no directorio, que son os mesmos que se adscribiron nos catro anos anteriores. É un salto enorme. Penso que destes novos programas, haberá moitos que se manteñan e haberá outros moitos que desaparezan, polo motivo que sexa, pois na creación de contidos non inflúe só a calidade, tamén o cansazo das creadoras, as expectativas de retorno... Espero que, como mínimo, aguanten a metade, aínda que non se pode asegurar nada. Os novos podcasts que saen teñen unha amplitude maior de rexistros. Xa non son só gravacións de audio. Hai canles de YouTube, de Twitch que derivan en podcasts. Iso tamén fai que as creadoras poidan decantarse por un ou outro formato segundo máis lles conveña e interese. Tamén hai moita xente nova con moita motivación e enerxía, e espero que iso pule para que aguanten aínda máis. Porque hai unha gran variedade temática e de formatos que, hai quince anos, cando comezamos, non se vían.

-Mencionaba antes o Carballo InterPlay, e precisamente este ano “Podgalego” formou parte do festival. 

Estes eventos son fundamentais para dar a coñecer todo o camiño que os podcasteiros galegos percorreron durante quince anos. Ademais, danlle pulo e visibilidade tanto aos propios podcasts como a proxectos como “Podgalego”. Estes días tivemos un aumento de seguidoras moi grande nas redes sociais, e iso foi grazas a toda a publicidade do festival.

Comentarios