domingo 19/09/21

As tres Universidades alertan do perigo dun galego como “lingua estranxeira na propia patria”

Os departamentos de galego das tres Universidades asinan un manifesto conxunto no que alertan do perigo do galego de “se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria”. Á Xunta respondeu lamentando que este fora o único xesto conxunto de cara ao 17 de maio. 

galego
galego

De maneira singular, os departamentos de galego das tres Universidades galegas asinan conxuntamente un comunicado no que cuestionan a política lingüística da Xunta e mostran a “profunda preocupación” pola situación da lingua, en especial despois de se coñeceren os últimos datos que falan do retroceso do uso nas novas xeracións e a “alarmante” diminución de investimentos na promoción do galego. “A lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria”, sinalan nun comunicado asinado por Manuel Ferreiro, director do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña, Francisco A. Cidrás, director do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago e Burghard Baltrusch, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo. 

Dous eixos para a alarma

Ao tempo que reclaman o desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiza en 2004 lamentan os “efectos contraproducentes do Decreto “de plurilingüísmo” como “circunstancias ameazantes para a lingua e cultura propia do país”. A declaración defende, pola contra, unha lingua de oportunidades para “preservar a súa identidade histórica e proxectarse asemade no futuro” xa que é o galego o que, segundo anotan, “nos singulariza cunha identidade milenaria” e “nos permite acceder facilmente a un universo de 276 millóns de falantes en 27 países”. 

Á Xunta respondeu de inmediato ao tirón de orellas dos departamentos das tres Universidades lamentando que sexa esta a única iniciativa conxunta de cara o 17 de maio e defendendo o decreto de plurilingüísmo, avalado, segundo fixeron notar, por oito sentenzas xudiciais. 

comentarios