Unidas Podemos demanda a edición de materiais educativos nas linguas cooficiais

O grupo parlamentario Unidas Podemos-En Comú Podem-Galiza en Común vén de rexistrar unha proposición non de lei para que a Comisión de Educación do Congreso debata incrementar o investimento público para que o galego, o catalán e o éuscaro teñan unha maior presenza nos contidos educativos en soporte audiovisual ou dixital.
Nenos e nenas entrando nun colexio. (Foto: EP).
photo_camera Nenos e nenas entrando nun colexio. (Foto: EP)

Co malestar aínda vixente porque moitas entidades e colectivos que traballan polas linguas e a súa igualdade no Estado español consideran “claramente insuficientes os avances para as nosas linguas que se inclúen neste texto en relación aos textos feitos públicos anteriormente”, en relación a lei do audiovisual, Unidas Podemos anuncia unha proposición non de lei para darlle máis presenta aos idiomas cooficiais nos contidos educativos. 

Segundo transcendeu este sábado, o grupo Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común levará ao debate da Comisión de Educación e FP do Congreso unha proposta para que aumente o investimento público na produción e publicación de materiais educativos audiovisuais e dixitais que utilicen todas as linguas oficiais do Estado español, é dicir, que atendan tamén o galego, catalán e éuscaro.

Esta iniciativa tamén insta o Goberno a promover o uso nos centros educativos destes contidos audiovisuais e dixitais que tamén abranguerían o "valencià, aranés e castelán" como ferramentas para o reforzo do contido que se traballa nas clases.

Coas polémicas polo modelo no medio

Esta proposición chega xusto un día despois de que o Tribunal Supremo (TS) ratificase a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) que obrigaba á Generalitat a impartir nos centros educativos cataláns un 25% das clases en castelán, xerando de novo o debate en torno ao modelo de inmersión lingüística do país e ao ensino en linguas diferentes ao castelán naquelas comunidades con lingua cooficial.

Unidas Podemos aclara, na exposición de motivos da iniciativa, que un 45,4% dos centros educativos en España xa dispón dunha contorna virtual de aprendizaxe (EVA). 

Engade que un 64,6% das aulas habituais dispón de sistemas dixitais interactivos, segundo datos do Sistema estatal de indicadores da educación 2021, o que constata que a produción de espazos audiovisuais e interactivos educativos virou nun "bo recurso de apoio ao profesorado".

Así, considera que un compromiso do Executivo do Estado español con todas as linguas a nivel audiovisual e dixital sería "moito máis óptimo e enriquecedor".

Comentarios