Un estudo determina que o galego saíu "ferido de gravidade" do franquismo

Henrique Monteagudo presentou o seu último traballo, no que analiza a evolución da lingua na ditadura, concluíndo que "despois do franquismo está máis debilitada".
Henrique Monteagudo coa obra após a presentación. (Foto: Miguel Grandío)
photo_camera Henrique Monteagudo coa obra após a presentación. (Foto: Miguel Grandío)

Da ditadura, o galego “saíu ferido de gravidade, antes do franquismo estaba ferido, pero non de gravidade, despois do franquismo está máis debilitado”, destacou Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da Real Academia Galega (RAG), na presentación dun estudo da súa autoría esta cuarta feira.

A obra, O idioma galego baixo o franquismo, presentouna o autor acompañado do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, a secretaria da institución, Margarita Ledo, e o director xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro.

Monteagudo destacou que a ferida contra o galego ten moito que ver coa “actuación represiva directa” en contra da lingua, pero tamén cunha represión “difusa” que “alcanzou o conxunto da poboación e ten que ver coa mobilización a través de aparatos ideolóxicos”, explicou.

Todo isto, relatou, propiciou unha regresión na situación da lingua galega durante a etapa da ditadura.

Crónica de represión e resistencia

O presidente da RAG indicou que "é unha crónica necesaria dos esforzos da sociedade galega", reiterando que supón unha "crónica de represión e resistencia".

Ademais, fixo fincapé na necesidade de que a poboación, sobre todo a máis nova, teña nocións dunha “historia descoñecida” pero fundamental para entender a situación actual.

Ledo incidiu en que “houbo unha maquinaria desgaleguizadora” no franquismo, mentres que Castro cualificou o texto como un estudo “rigoroso”.

Comentarios