Unanimidade no Parlamento para reclamar a normalización da presenza do galego nos centros sanitarios

A iniciativa do pedía garantir a atención sanitaria en galego e normalizar o seu uso nos centros de saúde.

 

O Parlamento de Galiza nunha sesión. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Parlamento de Galiza nunha sesión. (Foto: Europa Press)

O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para instar a Xunta a "normalizar" a presenza do galego nos centros sanitarios e garantir a existencia de exemplares neste idioma de toda a documentación que se deba facilitar aos pacientes.

En proposta do BNG saíu adiante esta quinta feira na comisión de Sanidade e tamén demandou ao Goberno galego a realización de "todas as actuacións formativas precisas" para que os profesionais dispoñan da competencia lingüística necesaria para atender os pacientes en galego e para que coñezan "os dereitos lingüísticos que os asisten".

A iniciativa nacionalista foi defendida pola portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, que advertiu de que o Sergas é un dos organismos da Xunta que máis denuncias recibe por vulnerar os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, tal e como reflicte o informe do servizo A Liña do Galego. "No ano 2020 as denuncias referidas a vulneracións levadas a cabo polo Sergas xa representaban o 23,7% das emitidas pola Mesa no conxunto das Administracións Públicas", reprobou, para a continuación subliñar que esta porcentaxe duplica a rexistrada en 2018.

Outras iniciativas

Por outra banda, os tres grupos con representación no Parlamento de Galicia, PPdeG, PSdeG e BNG, aprobaron unha iniciativa socialista emendada polos populares para que o Executivo galego acorde coa Federación  Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) o mecanismo para iniciar o procedemento para incorporar ao Sergas os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental da Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra.

Noutra orde de cousas, nesta comisión, os populares rexeitaron dúas iniciativas presentadas pola oposición. Nunha delas, o BNG, que recibiu o apoio do PSdeG, buscaba instar a Xunta a incorporar ás persoas coidadoras principais ou informais de dependentes como colectivo prioritario no Plan de vacinación fronte á covid-19.

Na outra proposición non de lei denegada, que contou cos votos a favor do BNG, o PSdeG reclamaba que o Goberno galego elaborase e trasladase un informe sobre a situación de traballadoras do sector sanitario no período de lactación e un protocolo sobre os riscos de que estas desempeñen cada posto.

Comentarios