Twitter recomenda contidos en divehi ou esperanto mais non en galego

A rede social discrimina as e aos galegofalantes nas recomendacións de contidos, pois non contempla o idioma propio da Galiza. Isto provoca, entre outras cuestións, que na cronoloxía se impoña a axenda española fronte á galega.

Linguas para contidos relacionados.
photo_camera Unha mostra dos idiomas que contempla Twitter para contidos recomendados.

Danés, divehi, esloveno, esperanto, estonio, euskera, finés, francés, galés... son moitos os idiomas que contempla a rede social Twitter para a selección de contidos recomendados, mais entre eles non se atopa o galego.

“Non hai posibilidade de dicirlle a Twitter que queres que che recomende contidos na túa lingua”, denunciaba nesta rede social o profesor da USC e escritor Manuel Gago, un dos máis especialistas na blogosfera en galego.

Unha das consecuencias de que Twitter obvie o idioma propio da Galiza nas recomendacións de contidos é que o ‘time line’ ou cronoloxía estea ateigada de informacións sobre España, e máis concretamente, debido á actualidade, sobre Madrid.

No mesmo fío, o webmaster de Código Cero, Marcus Fernández, lembraba que o galego leva anos en versión beta, é dicir, na versión preliminar.

Isto, advirte o director da publicación tecnolóxica, provoca “moitas limitacións” aos usuarios e usuarias de Twitter que queren empregar a rede en galego. “Que tampouco teñamos as aplicacións móbiles en galego é para facelo mirar, pois as traducións fainas a comunidade”, explica.

Comentarios