"O TSXG tenta frear pola vía xudicial o que o pobo galego conquistou pola vía política e democrática"

Queremos Galego concentrouse perante a instancia xudicial para amosar o seu rexeitamento á sentenza que tomba parte da ordenanza do Concello de Lugo sobre uso do galego. 

Concentración de Queremos Galego perante o TSXG
photo_camera Concentración de Queremos Galego perante o TSXG

Esta quinta feira (14 de abril) a plataforma Queremos Galega concentrouse diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na Coruña para manifestar o seu rexeitamento á decisión xudicial que invalida parte da Ordenanza municipal aprobada en 2012 polo pleno do Concello de Lugo sobre o uso institucional do galego. 

A sentenza do TSXG invalida artigos como o que recoñece o galego como "lingua propia de Galiza"

No concreto, o tribunal tombou boa parte do articulado da norma após unha denuncia presentada polo colectivo Galicia Bilingüe ao considerar "contrarias a dereito" algunhas das medidas nela recollidas a comezar polos apartados 1 e 2 do artigo primeiro referidos ao galego como "lingua propia de Galiza, é idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo" polo que "as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia". A este respeito o Tribunal anula esta parte ao considerar que "ao silenciar a referencia ao castelán (...) dan a entender que este non é idioma oficial ou que só son válidas as actuacións administrativas en galego". 

Neste senso, Queremos Galego denuncia que a decisión do tribunal "súmase" á "campaña de acoso á lingua que comezou en 2010 co decreto contra o galego" aprobado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo, "tentando frear pola vía xudicial o que o pobo galego conquistou pola vía política e democrática". 

Todos os avances legais para o galego foron froito do esforzo da sociedade galega que sobrepasou sempre ao poder político

Así, sinalan nun comunicado que foi distribuído na propia concentración, "todos os avances legais para o galego foron froito do esforzo da sociedade galega que sobrepasou sempre ao poder político na demanda da oficialidade real e plena igualdade xurídica". Un "amplo consenso social", din desde Queremos Galego, que se materializou "desde hai trinta anos en moitos concellos como o de Lugo, en ordenanzas que pretendían dar ao noso idioma a igualdade e normalidade mínima para poder existir e que lle corresponde por ser a lingua de todas as galegas e galegos"

Medidas que "foron aprobadas por acordo amplo, unánime e aplicadas con grande acollida e sen problemas", lembra a plataforma. Neste senso, aseguran que a decisión xudicial está "baseada en prexuízos contra o galego que afirman que o noso idioma só pode ter presenza nos textos legais se é baixo o amparo do castelán e en inferioridade de posibilidades de práctica e uso". 

En troca desa posición reivindican que "o idioma é a vida" polo que apelan á restitución do contido invalidado polo Superior de Xustiza e a aprobación de ordenanzas como a de Lugo en máis concellos do país. 

Escrito ao presidente do contencioso-administrativo

Após a concentración Queremos Galego entregou ao coidado do presidente do contencioso-administrativo un escrito no que critican a sentenza pois, din, "ataca elementos da política de normalización da lingua galega completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego" que, aliás, foron recollidos na lexislación vixente como a Lei de Normalización Lingüística, o Plano Xeral de Normalización Lingüística, a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou mesmo a Declaración universal de dereitos lingüísticos. 

Así mesmo, aseguran que o fallo xudicial "ponlle o carimbo de legalidade e lexitimidade á discriminación de usuarias e usuarios de servizos públicos privatizados por razón de lingua, ao primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas prestadoras de servizos á administración municipal fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns". 

Comentarios