Tráfico arquiva as denuncias polo uso do galego nos sinais das autoestradas

A DGT considera o acontecido "un problema de tipo sentimental" coa lingua e non "de seguranza vial" polo que as sancións non serán tramitadas. O Valedor do Pobo anunciou que requirirá á Delegación do goberno español que "informe" sobre aquelas medidas que prevé desenvolver para que a sinaléctica se rotule en galego

photo_camera As redes sociais partillaron imaxes coma esta para exixir o dereito a usarmos a lingua de noso nas sinais de tráfico

A Dirección General de Tráfico asegurou esta cuarta feira ao xornal La Voz de Galicia que as sancións impostas a Audasa verbo da sinaléctica en lingua galega non serán tramitadas. Para o director da DGT na Galiza, Pedro Pastor, as denuncias serán arquivadas ao non contar con suficiente base argumental que xustifique as sancións impostas á empresa concesionaria. 

Neste senso, Pedro Pastor considerou que o acontecido supón máis "un problema de tipo sentimentan co idioma" que un risco para a seguranza viaria polo que non serán tramitadas. Porén, a lei continúa a exixir que nas nacións con lingua de seu como Galiza os sinais de tráfico deben empregar obrigatoriamente "o idioma español oficial do Estado". 

A polémica xerada após facerse pública a sanción imposta a Audasa en relación cun cento de denuncias interpostas pola Garda Civil española, deu para numerosas brincadeiras nas redes sociais que logo se fixeron eco da nova. @s internautas galeg@s criticaron con dureza non só que as forzas españolas multen as empresas polo uso da lingua propia do país senón que a lei "protexa" o español e obrigue a que as sinais de tráfico se rotulen nesta lingua en detrimento dunha xa cativa presenza do galego nas estradas. 

Desde o Valedor do pobo e logo dunha visita do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, o alto comisionado anunciou esta mesma mañá que solicitarán un informe da Delegación do Goberno para lle requerir que medidas se emprenderán para garantir a rotulación na lingua propia da Galiza. Aliás, informou o responsábel deste órgano, iniciarán unha investigación "sumaria e informal" ao respecto. 

Para esta quinta feira (23 de maio) A Mesa mantén convocada unha concentración na compostelá Praza do Toural contra as sancións do Goberno español polos sinais en galego. 

Comentarios