luns 28/09/20
ANXOS SOBRIñO, NOVA PRESIDENTA DA CTNL

"O traballo do persoal técnico de normalización ten que reverter na sociedade"

Anxos Sobriño (O Rosal, 1971) é a nova presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Substitúe no cargo Nel Vidal, que levaba nove anos á fronte da entidade. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, traballa no equipo lingüístico da Audiencia de Pontevedra.

"O traballo do persoal técnico de normalización ten que reverter na sociedade"

Que balance fai dos 20 anos da CTNL?

Eu levo uns 18 anos e o traballo mellorou moito. Retroalimentámonos todos e todas grazas á CTNL, que nos levou a unha mellor formación e colaboración. Nos últimos anos traballouse máis en mellorar e traballar na positivización da lingua, en facer positivo o discurso a respeito do galego e iso fixo que estoupara a nosa visibilidade.

Como comezas esta nova etapa á fronte da CTNL?

Con ilusión e responsabilidade. Para min realmente é unha gran responsabilidade porque a CTNL é máis que unha asociación. É unha escola de traballo, un grupo de amigos que medramos profesionalmente xuntos e agora presidila supón un gran reto e a oportunidade de aprender. Esta é unha entidade que funciona de maneira moi asemblearia, polo que todos e todas achegamos, así que ser presidenta é un cargo importante, mais o traballo é conxunto.

"Este cambio de dirección é unha continuidade do traballo feito"

Que retos ten por diante?

Realmente, este cambio de dirección é unha continuidade do traballo feito con anterioridade. Non é que vaia cambiar as liñas de acción. Eu, como presidenta, espero continuar co bo traballo que se fixo até o de agora e melloralo na medida do posíbel, se se consegue. O principal reto é lograr que haxa un mellor traballo en normalización lingüística, máis colaboración e unha mellora da situación da lingua dentro das nosas posibilidades.

Cales son os próximos proxectos da CTNL?

Na asemblea decidimos as propostas de acción para o ano. Como esta é unha etapa de continuación, as actividades que se aprobaron foron seguir coa formación para o colectivo (con un ou dous cursos ao ano), colaborar co curso de verán de normalización que organiza a UDC e cos encontros para a normalización organizados polo Consello da Cultura e continuar nas propostas de colaboración entre servizos de normalización lingüística (porque está demostrado que se traballa moito mellor entre varios e aproveitamos con maior eficacia os recursos). Ademais, ao abeiro da CTNL, acordamos que seguiremos apoiando actividades como Apego ou o club de debate entre institutos. Seguiremos a fomentar o traballo de colaboración entre os servizos porque vemos que é útil e enriquecedor. Tamén continuaremos a organizar actividades como o LGX15 ou a campaña arredor do Día das Letras.

"No ensino non é o único ámbito no que hai que traballar para avanzar na normalización do idioma, pero é un dos máis importantes"

Que é necesario para avanzar na normalización da lingua? O ensino é primordial?

Ufff.... non hai unha receita máxica. Hai que traballar en moitos ámbitos e facer un discurso positivo que axude a que a xente se anime a empregar o galego. Neste sentido, desenvolvimos campañas que espertaron moito éxito como foron Gústame o galego, LGx15... A respeito do ensino, é fundamental para o futuro da lingua. Non é o único ámbito no que hai que traballar pero é un dos máis importantes. Se o galego como lingua vehicular nos centros de ensino non é suficiente, os nenos non teñen garantidos os recursos para se expresaren na lingua e esa é unha barreira máis á hora de optar polo galego.

Cal e a situación do equipos de normalización? Son suficientes os equipos que hai na Galiza?

Suficientes nunca hai. Nos últimos anos baixou o número de servizos de normalización no país debido á crise e tamén debido a cuestións políticas. Porén, neste último mandato semella que a situación vai mellorar porque as deputacións van retomar a liña de axudas para a normalización lingüística. A Deputación da Coruña xa convocou esta liña de axudas e a Deputación de Pontevedra vai convocala para a semana. En canto á Deputación de Lugo, percibimos moi boa disposición. Isto vai promover máis servizos e máis traballo técnico e, en consecuencia, o galego vai chegar a máis xente.

Hai persoas que pensan que o traballo dunha técnica de normalización nun concello consiste en corrixir ou traducir a documentación interna.

O traballo de normalización non é de tradución da documentación interna dun concello. Unha cousa é que haxa un labor interno de asesoramento e outra cousa é que se faga tradución. O que hai que facer é traballar coa sociedade desde os concellos e buscar o prestixio da lingua. Que un concello funcione internamente en galego non quere dicir que estea normalizado. O traballo dos técnicos e das técnicas ten que se reconverter na sociedade.

comentarios