FEIJóO, DECLARADO POR ACLAMACIóN INIMIGO DO GALEGO

Miles a prol do galego

[ACTUALIZADO ÁS 13.35]. Concluíron as marchas de Queremos Galego nun 17 de maio claramente marcado polas vésperas eleitorais. Dos líderes das forzas políticas galegas só estiveron presentes Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, en Vigo, e Martiño Noriega, coportavoz de Anova, en Santiago. Feijóo foi declarado por aclamación inimigo do galego.

Queremos Galego 17M 2015
photo_camera Marcha de Queremos Galego en Vigo

"Nas aulas da Galiza, queremos galego" e "por ti, por min, o galego non ten fin" son algúns dos cánticos que atroaron as rúas de Compostela conforme avanzban as miles de persoas que secundaron a convocatoria de Queremos Galego.

A de Santiago foi a  marcha máis numerosa das convocadas por esta iniciativa social en favor da lingua galega, unha marcha festiva e á vez reivindicativa e cun denominador común claro: a denuncia das políticas galegófobas do partido no poder.

En Vigo, unha votación simbólica realizada ao termo da marcha resume á perfección o espírito das convocatorias de Queremos Galego: as miles de persoas alí congregadas -2.500 segundo a organización- declararon por aclamación a Feijóo inimigo da lingua galega.

Vence, en Vigo

O portavoz nacional do BNG asistiu á manifestación de Vigo na compaña da práctica totalidade dos membros da candidatura nacionalista.

Vence convocou os meios antes da marcha e interpelou directamente a Feijóo, a quen pediu que usase exclusivamente o galego na súa comunicación coa sociedade. "Nunca antes ningún presidente da Xunta usou tanto o español para se dirixir ás galegas e aos galegos", denunciou o líder nacionalista.

En Santiago estivo presente na marcha Martiño Noriega, colíder de Anova.

Comentarios