O debate sobre o binormativismo

Tanto ten galinha que galiña, o importante é que poña ovos!

Desde o reintegracionismo e desde correntes que adiren a norma oficial mais son partidarias do achegamento ao portugués xorde a iniciativa de fomentar o convivio entre as dúas opcións ortográficas para así garantir a supervivencia do idioma

galego
photo_camera galego

“O binormativismo nace para aproveitar as diferentes posturas que existen en relación á codificación do galego, sexa a falante partidaria da normalización ou non”. Así fala Eduardo Maragoto, actual presidente da Associaçom Galega da Língua que, no pasado 5 de abril, impartía un seminario na facultade de Filoloxía da UDC canda o profesor titular de Lingua e Literatura Galega Xosé Ramón Freixeiro Mato.

O tema da xornada era o binormativismo, un concepto que apoia a convivencia entre dúas normas ortográficas dunha mesma lingua. “Este tipo de modelo é moi frecuente no mundo, normalmente coexiste unha norma máis próxima á fala local e outra máis converxente coa variedade falada nun ou en varios Estados distintos”, explica Maragoto. É familiar o caso de Luxemburgo, onde desde 1986 partilla espazo lingüístico o alemán padrón coa variedade luxemburguesa, ou de Noruega, cuxos habitantes poden usar libremente unha variante máis próxima ao dinamarqués ou outra elaborada a partir dos dialectos occidentais noruegueses.

O pragmatismo e a normalización

No caso da Galiza, trataríase de procurar a coexistencia e colaboración entre o galego internacional –ou portugués padrón– e o galego oficial actual, para que as falantes poidan tirar uso de cada norma segundo sexa a súa conveniencia. “Ao contrario que outros casos, as utentes de ambas normas gozan de intercomprensión plena. Falen unha variedade ou outra, enténdense perfectamente”, apunta Maragoto.

maragotoAfóndase, por tanto, o camiño xa aberto pola lei Valentín Paz Andrade –lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía– que fomenta a aprendizaxe e uso desta “vantaxe histórica”. Segundo Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor de Filoloxía na UDC, virtudes de devandito modelo serían moitas. “En primeiro lugar enriqueceriamos o galego co coñecemento xeneralizado da norma portuguesa, evitando as interferencias do español e reforzando léxico e estruturas lingüísticas en ambos sentidos”, conta. 

Por outra banda, aquelas persoas “desvinculadas do galego” ou mesmo “reticentes á normalización lingüística” poderían ver as vantaxes de estudar portugués “e ter aí unha competencia lingüística de promoción; se non se forza nada, sería vista mesmo como unha oportunidade persoal e laboral“, sostén Freixeiro Mato.

Interpelar a opinión pública para acadar consenso

Para acadar unha implantación real deste binormativismo, ambos filólogos concordan en que é preciso afianzar dous principios. “Por un lado todos os cidadáns deberían adquirir un coñecemento pasivo de ambas normativas e, por outra banda, debería haber liberdade individual para que cada persoa use a que máis lle convén ou coa que máis se identifique”, detalla Maragoto. Á hora de adquirir competencias en ambas variantes, é preciso un compromiso por parte das Administracións para garantir os dereitos lingüísticos das utentes. 

“Na Noruega, por exemplo, a nivel técnico resólveno deixando que concellos e outras entidades públicas escollan a normativa que queren utilizar, mais iso é unha cuestión a resolver despois. En caso de dúbida, no entanto, sempre prevalecería a variante local. Nós, desde o reintegracionismo comprometémonos a non facer disto un casus bellis”, anota o presidente da AGAL. É clara, pois, a vontade conciliadora coa que nace o modelo binormativo, que foxe da conflitividade característica de décadas pasadas para deixar paso a un escenario de unidade rumo á normalización do galego. “Son reintegracionista e non teño ningún problema coa outra normativa, eu só quero traballar a prol de que o galego sobreviva, e isto dáse nos dous campos, quer no autonomismo, quer no reintegracionismo”, afirma Maragoto.

Xosé Ramón Freixeiro Mato

“Agora as circunstancias son diferentes, eliminouse esa confrontación que existía antes, esa violencia do conflito normativo”, di Freixeiro Mato, quen tamén fai mención a pronunciamentos positivos por parte de interlocutores de peso como membros do ILGA, da RAG ou do Consello da Cultura Galega. “Estamos a falar dun modelo onde o consenso de toda a cidadanía é imprescindíbel, e notamos como certos sectores están a asumir un discurso de apertura ao mundo da lusofonía”, engade.

A inmobilización da urxencia

A proposta emerxe nunha realidade desesperanzadora para a supervivencia da lingua, que non só afronta un debate no relativo á norma ortográfica senón que, por enriba de todo, rexista unha alarmante perda de falantes. “É por iso mesmo que o binormativismo pode favorecer a reversión situación actual. Temos que reagrupar todas as forzas en defensa do galego e non podemos prescindir de ninguén. Se hai persoas defensoras do galego que se senten reintegracionistas, hai que sumalas e contar con elas. Ante unha situación así, hai que buscar solucións operativas, e esta vía de achegamento ao portugués pode ser unha táboa de salvación para o galego”, conclúe Freixeiro Mato.

O binormativismo, en definitiva, nace coa vontade de abrir un debate. “A AGAL decidiu hai tempo que non quere avanzar con nada que non sexa de consenso. As cousas que propoñamos e as cousas que vale a pena discutir teñen que ser interesantes para todo o mundo. Nós interpelamos a opinión pública e temos claro que non temos présa, no galego non podemos actuar con présa porque son malas conselleiras”, conclúe Eduardo Maragoto.

Nota: nas fotografías que acompañan o texto aparecen Eduardo Maragoto (arriba) e Freixeiro Mato (abaixo).

Comentarios