O SX de Política lingüística atribúe ao bipartito o descenso de galegofalantes

Afirmou que no goberno de Feijóo "freouse" a queda de falantes na lingua propia e afirma que as familias "teñen que implicarse" na transmisión do idioma.

Ana Pontón e Valentín García
photo_camera Ana Pontón e Valentín García

Valentín García acudiu esta sexta feira (26 de decembro) ao Parlamento galego para dar conta da política lingüística que está a desenvolver a Xunta de Galiza. Através dunha pregunta formulada pola deputada do BNG, Ana Pontón, o secretario xeral debía explicar o conxunto de medidas que está a deseñar o goberno galego nesta materia e como prevé o executivo dar cumprimento ao marco xurídico en relación coa normalización de usos do galego. 

Porén, Valentín García só avanzou que en 2015 a Xunta desenvolverá un estudo sobre as competencias lingüísticas da poboación, un proxecto que xa anunciara Alberto Núñez Feijóo nunha entrevista concedida a unha canle de televisión privada hai uns días. 

A culpa é do bipartito

Na súa comparecencia parlamentar o secretario xeral de Política Lingüística afanouse en debullar os dados publicados polo Instituto Galego de Estatística para recuncar na idea de que "non só" apuntan "cousas más" senón que tamén recollen o incremento das "persoas con máis competencias para falar e escribir en galego" ou o aumento do número de monolingües "por vez primeira desde que se fai este estudo", sinalou. 

 Gacía sinalou que foi "entre 2003 e 2008" onde se producíu a maior queda no número de galegofalantes entre os 5 e 14 anos con "12 puntos"

Para Valentín García os dados publicados e que "chamaron poderosamente a atención" a respeito do uso do galego entre as faixas de idade máis novas refírense "aos últimos 10 anos". Gacía sinalou que foi "entre 2003 e 2008" onde se producíu a maior queda no número de galegofalantes entre os 5 e 14 anos con "12 puntos". 

Neste senso, afirmou que o seu goberno debería "responder" polos "últimos anos" e que, desde esa perspectiva, "o titular podía ser que se frea" a perda de falantes ao minguar "2 puntos" entre 2008 e 2013. 

Para a deputada do BNG, Ana Pontón, o discurso do secretario xeral de Política Lingüística resultoulle "patético" e acusouno de "descalificar a enquisa" do IGE e responsabilizar o bipartito. 

"Traficante da verdade"

"Pode vir facer as filigranas e pinchacarneiros políticos que queira", sinalou para logo lembrar que desde a chegada de Feijóo á Xunta o goberno "promove a desaparición do idioma" no ensino, nos medios de comunicación, no ámbito da xustiza e tamén na administración pública. 

"Pode vir facer as filigranas e pinchacarneiros políticos que queira", sinalou Ana Pontón para logo lembrar que desde a chegada de Feijóo o goberno "promove a desaparición do idioma"

Pontón denunciou que o secretario xeral non respondese a "catro preguntas" referidas ao Plano de Normalización Lingüística (2004) pois, sinalou, "tirárono ao lixo" e bateu con dureza contra as afirmacións lanzadas polo presidente da Xunta cando asegurou que "a Xunta está preservando o galego". Para o grupo parlamentar do BNG Feijóo tornouse nun "traficante da verdade" que, aliás, atribúe a situación lingüística "ás familias" para negar a "responsabilidade política" do seu goberno. 

Mais desde Política Lingüística Valentín García recuncou na idea lanzada polo mandatario galego. "Cada vez fálase menos galego na casa", asegurou, ao tempo que avanzou que o goberno galego porá en andamento medidas "para incidir no ámbito familiar" e pular por un maior uso social do galego. 

Porén, non aclarou en que consistirán estas medidas. 

Comentarios