Como dicilo?

Sopa no mel

mel620

Caír como sopa no mel,  dicimos en galegoportugués. Imos explicar o significado da  locución, mais antes é precisa unha notiña sobre a evolución da palabra sopa. Velaí :

A palabra suppa, de orixe xermánica, entrou no latín medieval e despois en distintas linguas románicas. Denominaba o anaquiño de pan que se enchoupaba nun líquido e se comía. É un significado que perdura no galego dos nosos días (Cortou media bola e fixo con ela sopas nunha cunca de leite). Naturalmente, o líquido onde se fan sopas pode ser outro, como o viño das famosas sopas de cabalo  (ou de burro) cansado. Desta primeira acepción procede a expresión figurada mollado/mollada como unha sopa. Posteriormente a sopa denominou o conxunto dun plato  cociñado no que o pan non era necesariamente o ingrediente, chegando á actualidade con ese novo uso dominante (sopa de fideus, de arroz, de verduras, de peixe, etc.)

 A locución Caír como a sopa no mel é agora doadiña de entender : «Vir moi ben, moi oportunamente, ao xusto ». Se lle buscamos unha equivalencia en castelán, acudiríamos a venir al pelo.

Volvemos  a unha frase que xa citamos : É darlle sopas de mel a un burro, o que ven sendo ‘Tratar demasiado ben a alguén que non o merece pois non o sabe agradecer’.

Conservo o verbo caír a mantenta, aínda que o Dicionario online da Academia Galega –sorprendentemente- o proscriba. A forma caer  foi a primeira en aparecer en galegoportugués como derivada do verbo latino cadĕre e posteriormente –seguramente por analoxía con outros verbos como saír- apareceu caír, que hoxe é a única na normativa portuguesa e está presente en boa parte do territorio galego.  Sería esperábel que a nivel normativo fosen, daquela, recoñecidas como lexítimas as dúas formas, moi vivas ambas. Non se trata dunha manía, pois que en época relativamente recente declaraba o dicionarista  Eladio Rodríguez González (traducimos) :

Moitos dos nosos escritores utilizan con preferencia a forma caer para     este verbo, mais nas bisbarras nas que se fala ben o galego, maiormente nas      provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra e parte da da Coruña, pronuncian      invariabelmente caír (voz caír. Diccionario Enciclopédico Gallego –Castellano,                 Tomo I, 1958).

               

 Nesa mesma época (1953), José Mª Pereda recollía ben no norte, en Viveiro, a locución Non che me ha caír nas pallas ! co significado de ‘No me ha de alcanzar eso’.

E o propio Constantino García constataba máis tarde caír como variante de caer (Glosario de voces galegas de hoxe, 1985).

Ven moi a xeito para poñermos remate a este artigo, cai coma a sopa no mel, esta cantiga tan verdadeira :

                        O bo tempo está no pote,

                        que en habendo de comer,

                        chova ou trone, vente ou neve,

                        ese bo tempiño é.
 

Éche boa verdade !

Comentarios