Só unha de cada cinco horas de docencia na Universidade de Santiago se imparten en galego

O 75% son en castelán. Nas titulacións de grao hai un predominio absoluto de español mentres que nas de mestrado a fenda co galego é menor. O orzamento de política lingüística na USC reduciuse un 61% desde 2008.

Aula universitaria (arquivo).

No curso 2016-17 da Universidade de Santiago de Compostela (USC) hai 457.726 horas docentes. Máis do 74% son impartidas en castelán fronte ao apenas 21% que o son en galego, unha fenda de máis de 50 puntos. No global da docencia (graos, restos de titulacións de 1º e 2º ciclo e mais mestrados) a USC transmite en castelán tres de cada catro horas de clase e en galego, pouco máis de unha hora de cada cinco. Son datos que figuran na web ‘O Cartafol’, do servizo de normalización lingüística da USC.

Existen diferenzas entre as titulacións de grao e de mestrado. Nas primeiras a presenza do castelán é moito maior. Así, das 413.989 horas de docencia, o 76% son en español mentres que o galego fica no 20%. Dos 50 graos que se imparten na USC, tres carecen por completo de docencia en galego (Lingua e Literatura Inglesa (100% en inglés) e os graos en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural e de Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias). En 9 o galego ocupa menos do 10% das horas de docencia e noutros 15 está entre o 25 e o 50%. Os graos con maior presenza do galego son Xornalismo (82,68%) e, lóxico, Lingua e Literatura Galegas (100%).

Mestrado

As titulacións de mestrado na USC supoñen algo menos de 42.000 horas no curso 2016/17. O galego representa o 40% desas horas mentres que o español ocupa o 57,2%. Se ben a fenda é menor que nas titulacións de grao, continúa a ser considerábel, 17 puntos. Hai 11 másteres que carecen de docencia en galego, 36 onde o galego representa máis do 25% da docencia. Deles, en 20, as horas no noso idioma están por riba do 50%.

Como se salienta no propio ‘O Cartafol’,  os usos lingüísticos na USC pouco mudaron nestes 14 anos en que temos datos. “E non van mudar a prol do galego a non ser que se actúe en serio. O orzamento de política lingüística na USC reduciuse un 61% desde 2008. O último plan de normalización da USC remataba en 2010: vai para sete anos que estamos sen planificación”.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios