A situación na que se atopa o galego chega ao parlamento de Portugal

A comisión de cultura da Assembleia da República dará audiencia a varias cuestións sobre o noso idioma, entre elas as denuncias feitas pola Mesa pola Normalización Lingüística.

parlamento-Portugal
photo_camera Parlamento de Portugal

Susana Méndez, secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, participa esta terza feira, 19 de abril, na audiencia da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento portugués sobre a situación do galego convidada polo colectivo Galiza Solidária

Nesta audiencia A Mesa presentará o informe sobre a situación do galego que xa foi presentado na Comisión de dereitos humanos da ONU e entregado ao Comité de expertos sobre a Carta Europea das Linguas en 2015. O informe analisa os incumprimentos por parte do Estado español e da Xunta de Galiza da lexislación internacional e propia sobre a lingua galega en ámbitos como a xustiza, a educación, a administración pública, a saúde, ou os medios de comunicación.

Relatorio

Susana Méndez entregará ás deputadas e deputados membros da comisión e pertencentes a todos os partidos con representación na cámara portuguesa un relatorio coas principais denuncias dos últimos anos e o informe da Liña do Galego, que a Mesa elaborou partindo das denuncias que recibiu no 2015 neste servizo gratuito de queixas e parabéns. Tamén exporá as seis medidas urxentes que A Mesa propuxo o ano pasado entre as que se contempla a reciprocidade na recepción das emisións da RTVG e a RTP.

UNESCO deixou de considerar o galego como lingua en perigo no seu Atlas no ano 2010, por formar parte do sistema lingüístico galego-portugués, aínda recoñecendo a graves situación da lingua galega e os seus falantes no seu territorio orixinario. Esta cuestión será colocada pola Mesa no Parlamento portugués para que inste ao Estado español e á Xunta de Galiza a cumprir a lexislación internacional en materia lingüística.

Comentarios