A "sintomatología" e os "atracones" do exame en galego para as persoas funcionarias de Servizos Sociais

A oposición, decorrida a pasada fin de semana, incluíu numerosos erros na opción na lingua propia da Galiza. Após a denuncia dunha das candidatas, A Mesa pola Normalización Lingüística xa está a tramitar unha queixa. A denunciante lamenta os problemas de "tradución" nunha proba para a Administración pública do país.
Algunhas das preguntas tiñan opcións con erros en galego. (Foto: @carla_brion)
photo_camera Algunhas das preguntas tiñan opcións con erros en galego. (Foto: @carla_brion)

As redes sociais ferven cunha nova afronta ao galego por parte da Xunta da Galiza. A usuaria @carla_brion denunciou publicamente os erros de tradución que atopou no exame para as oposicións aos Servizos Sociais do país esta mesma fin de semana.

“No exame dos psicólogos da Xunta, na súa versión en galego, había numerosos erros de tradución”, recoñeceu a opositora a Nós Diario.

Após compartir imaxes a través de Twitter foron moitos os chíos falando de que este problema é algo habitual nas probas organizadas pola Administración pública.

Para a usuaria, que explica que decidiu escoller a opción do exame en galego, semella que este foi pasado ao idioma cooficial da terra “co tradutor de Google”.

Así atopou palabras en castelán, pronomes fóra de lugar e outros erros, algúns dos que deu conta con fotografías como a que acompaña esta nova.

Na súa opinión, atopar estes fallos “nun exame público” é “bastante grave” e mesmo “pode dificultar” as respostas. Malia que nunha pregunta sobre a bulimia enténdese o que é a “sintomatología” ou os “atracones”, a comprensión pode enlearse en frases como “salvo que a muller expréseo”, “evitar o seu victimización primaria”, “que aparentemente apártense” ou “coñecella tamén”, por sinalar algúns exemplos.

A reacción de entidades e partidos políticos

En paralelo ás críticas xurdidas por parte da comunidade galegofalante ou que simplemente defende o uso axeitado da lingua, A Mesa pola Normalización Lingüística reaccionou tramitando unha queixa a través da Liña do Galego.

Aliás, o grupo do BNG no Parlamento rexistrou preguntas sobre esta cuestión “inaceptábel” ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios