Sermos Galiza estará nos quiosques o día 8 de xuño

Cada sexta feira desde o próximo día 8 de xuño os quiosques recibirán un novo número do semanario Sermos Galiza. As persoas que optaren pola subscrición terán no seu domicilio o xornal a través dun sistema áxil de distribución de imprensa que garantirá a chegada no mesmo día.
Sermos Galiza. Foto: TeT
photo_camera Sermos Galiza. Foto: TeT

Sermos Galiza chegará ao tempo ás casas e aos quiosques. Ese é o obxectivo marcado pola editorial para facilitar a subscrición ao semanario e garantir a recepción en tempo. Un sistema de reparto de imprensa empregado para a entrega de xornais diarios facilitará a distribución nos núcleos urbanos. Na zona rural será distribuído por medio do servizo de correo postal. A subscrición é posíbel facela directamente clicando na ligazón da cabeceira do diario dixital.

As persoas que mercaren ou se subscribiren ao xornal semanal terán nas súas mans uns contidos informativos diferentes aos que Sermos Galiza ofrece na web. Pezas de máis demorada elaboración e lectura articularán o semanario, en que haberá seccións fixas e xéneros como a reportaxe, a entrevista ou o artigo de reflexión e análise. Traballamos para elaborar un produto que ten vontade de informar, analizar, interpretar a realidade e entreter na nosa lingua.
Non só a redacción de Sermos mais tamén un avultado número de persoas colaboradoras completarán a relación de nomes que cada semana asinarán os distintos contidos do xornal. Alén diso, Sermos convidará a coñecer o país ou a facer encrucillados na nosa lingua, nunha oferta para o lecer que ofrecerá tamén contidos para as persoas miúdas.
Após un mes de experiencia informativa na rede, a partir do día 8 de xuño, Sermos Galiza fará regresar o galego aos puntos de distribución de imprensa. Todas as persoas que se comprometeron como accionistas puxeron os alicerces básicos para que isto fose posíbel. Agora corresponde cosolidar o medio e asegurar o seu futuro. E para iso nada máis útil que asinar unha subscrición ao semanario.

Comentarios