CONTA ATRáS PARA O 8F

Sermos Galiza chama a participar na manifestación de Queremos Galego

Sermos Galiza é un meio fundacionalmente comprometido coa lingua galega. Se non garantimos o futuro ao noso idioma, non haberá espazo de comunicación na Galiza digno de tal nome.

Queremos galego

A Sermos impórtalle moito a lingua porque sen galego non é nen sequer concebíbel un ámbito de comunicación proprio do país, que exprese as nosas demandas como sociedade e que espelle a nosa forma de vivir e de ver a Galiza e o mundo. É por isto que este proxecto de comunicación, independente, galego, alternativo, vocacionado na defensa da Galiza como nación, chama á sociedade galega a que secunde masivamente a manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego para o próximo domingo 8 de Febreiro.

Durante estes últimos días, e até o mesmo día de realización da marcha, demos voz a persoas e colectivos que se caracterizan pola súa paixón pola nosa lingua, por acreditaren en que se Galiza é un país máis no mundo -e non un eco periférico de ningunha metrópole- éo fundamentalmente grazas a que temos un idioma de noso, o maior patrimonio cultural xerado durante séculos polas galegas e os galegos. 

A lingua é marca, a lingua é compromiso, a lingua tamén é garantía de servizo a unha sociedade concreta, e aos seus problemas

Sen ese idioma de noso, non existirían tampouco meios de comunicación galegos e en galego. A lingua é marca, a lingua é compromiso, a lingua tamén é garantía de servizo a unha sociedade concreta, e aos seus problemas. A sociedade galega concebida como un pobo en si mesmo e non como apéndice de ninguén.

Sermos Galiza quere galego e, humildemente, tenta demostralo acotío. Son outros, os mainstream media, os que recollen cuantísimos subsidios públicos por, en troca, editaren só algunha páxina residualmente en galego. A imprensa amiga do PP utiliza o galego como mercadoría, para xustificar axudas públicas. Nada máis. O galego non é para eles o centro de nada. Como tampouco o é o país.

Sermos Galiza, desde logo, realizará unha cobertura especial o 8 de Febreiro, acompañando a multitude que a bon seguro encherá as rúas de Santiago de Compostela.

Comentarios