Sergas atribúe a prevalencia do castelán nas súas oposicións a que había persoas doutros territorios

O exame das oposicións podíase facer en galego ou castelán. En caso dalgunha anomalía, “erro tipográfico ou de transcrición”, nas instrucións da proba indicábase que o texto de referencia é o redixido en español. O Sergas xustifica a observación na pfresenza de aspirantes doutras autonomías. Política Lingüística considera que non houbo intencionalidade discriminatoria.

exame sergas
photo_camera exame sergas

O exame das probas nas oposicións do Sergas que decorreron esta fin de semana veu con polémica. A proba podía facerse en galego e castelán, as dúas linguas co-oficiais en Galiza, mais na folla de instrucións figuraba unha advertencia: “En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.” Unha afirmación que desde A Mesa pola Normalización Lingüística, cualificaron como “auténtico compendio de prexuízos baseados no odio ao galego e no supremacismo lingüístico”.

Política Lingüística descarta que haxa intencionalidade tras a advertencia de relegar o galego

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, opta por tirarlle ferro á polémica. “Non se fixo con ningunha intencionalidade, cónstame”, explica en conversa con Sermos Galiza, e considera que a advertencia “non marca diferenza entre Lingua A e Lingua B” e que “pretendía solventar un posíbel erro tipográfico”, polo que “non lle vexo maior percorrido” ao tema. García, iso si, considera que cómpre un maior esforzo pola presenza do galego nos temarios e na formación nas materias a exame. Para que así o aspirante teña axilidade, familiaridade e soltura para facer a proba en galego.

O Servizo galego de saúde (Sergas), preguntado pola advertencia nos exames das súas oposicións, contestou a Sermos Galiza que eran “probas selectivas abertas” a aspirantes doutros territorios do Estado español, incidindo en que dita advertencia era só “a efectos de comprensión lóxica” e para “garantir a igualdade de dereitos” de todas as persoas aspitrantes.

Sergas incide en que son probas abertas a aspirantes doutros territorios do Estado

O Sergas lembra que nos exames hai 2 cuestionarios, galego e castelán, “e o galego é o que está en primeiro lugar”, para alén de que as instrucións “se len primeiro en galego”. O galego, aliás, é “unha proba específica obrigatoria en todas as oposicións ao Sergas”.

Comentarios