venres 23/07/21

O ‘ser humano’ incorpórase ao Atlas Lingüístico Galego

O novo capítulo da colección realizada polo Instituto da Lingua Galega e editada pola USC e a Fundación Barrié inclúe aspectos relacionados coa familia, a vida social ou os oficios.
A profesora e investigadora do ALGa, Rosario Álvarez. (Foto: Fundación Barrié) #lingua #galego #rosarioálvarez #alga #atlaslingüísticogalego #serhumano
A profesora e investigadora do ALGa, Rosario Álvarez. (Foto: Fundación Barrié)

O Atlas Lingüístico Galego, ou ALGa, vén de sumar un novo volume ao seu patrimonio de coñecemento. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) anunciou na segunda feira a saída doutra obra que é a sétima da colección e a segunda peza sobre o ser humano. Despois de que en 2005 vira a luz un texto sobre aspectos do corpo humano, entre outros, agora chegan a lectoras e lectores as súas relacións sociais.

Cómpre lembrar que este proxecto naceu co "obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente". En consecuencia, o novo volume elaborado polo Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) recolle preguntas ligadas "coa familia, a relación de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios".

A peza, que desde as súas orixes veñen editando de forma conxunta a institución académica e a Fundación Barrié, inclúe agora un bo número de mapas, nos que a maioría amosan "as designacións rexistradas para un mesmo concepto: neno até os 12 anos (neno, neniño, meniño, cativo, rapaz, etc.); pastor (besteiro, bestelleiro, cabaleiro, muleiro, etc.); curandeiro (manciñeiro, compostor, compoñedor, etc.), telleiro (telleiro, louseiro, canteiro, etc.)...".

Aliás, a equipa responsábel tamén explicou que parte desas pezas do atlas reparan na "diversidade de significados con que son empregadas certas denominacións de medidas utilizadas no mundo agrícola (arroba, moio, ferrado, tego, etc.)".

En concreto, hai 294 mapas nos que se poden atopar catro mil variantes léxicas para perto de 300 conceptos analizados polo equipo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio César Sousa.

Na presentación en sociedade deste "novo fito" estiveron presentes o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias. Tampouco faltaron á cita unha das investigadoras, Rosario Álvarez, o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Manuel Lorenzo, e o director do ILG, Xosé Luís Regueira.

O reitor destacou que a intención é "seguir avanzando e dando maior amplitude ao alcance do Atlas a través de novos soportes con particular atención ás novas tecnoloxías, na procura dunha maior difusión cara á cidadanía".

comentarios