Achegas sobre un uso correcto do léxico galego abren a sección "Lingua" no Sermos en papel

Co obxectivo de promover un galego de calidade que funcione como lingua de cultura, o semanario Sermos Galiza abre esta quinta feira nova sección, "Lingua". Faino, para abrir boca, cunha serie de artigos a cargo do profesor Carlos Garrido, verbo do uso correcto do léxico galego.

Carlos Garrido.
photo_camera Carlos Garrido

Profesor titular de tradución técnico-científica na Universidade de Vigo, presidente da Comisión Lingüística da AGAL e autor, entre outras obras do Manual de Galego Científico e Léxico Galego: Degradaçom e Regeneraçom, Carlos Garrido bota a andar nesta quinta feira a nova sección de lingua do semanario Sermos Galiza que afondará na difusión do léxico galego alén de poñer sobre a mesa as cuestións atinentes á súa fixación formal. 

“A focaxe principal é no léxico porque é un dos campos que precisa maior reflexión e unha viraxe de estratexia. Trataremos os problemas principais que padece o léxico galego nesta altura e que condiciona a forma, por un lado, mais tamén o seu carácter funcional”, sinala Carlos Garrido

Malia partiren de traballos especializados nos que ten investigado, estas achegas de Carlos Garrido en Sermos Galiza terán un claro carácter divulgador para calquera usuari@ da nosa lingua que queira mellorar a súa calidade. Estarán redixidos na norma AGAL, a utilizada polo autor, mais el proprio explica que “serán de interese para todo o mundo, á marxe da normativa que cada quen empregar”. 

“O proxecto céntrase en publicar artigos divulgadores, de carácter práctico, sobre esta problemática mais tamén para denunciar nalgunha medida a codificación que ten feito a RAG, tanto nas súas inhibicións como nas súas intervencións que prexudican a autonomía do léxico galego respecto do castelán”, defende Garrido. 

"O tema ten interese para todos os galegos e galegas que queiran vivir unha lingua con dignidade e eficacia, homologada a calquera lingua de cultura do mundo”

Ao seu ver, os problemas están modelizados e un deles é o fenómeno degradativo de exceso que denomina “variación sen padronización”, é dicir, a atomización do léxico en función da súas variacións xeográficas. “É habitual que haxa varias palabras para designar o mesmo, mais o problema é que non está consagrada unha común, a variante supradialectal non está clara como acontece nas linguas normalizadas”, afirma, dun dos temas que tratará na súa serie de artigos.  Como exemplo indica o uso de “fiestra”, “xanela” ou “ventá”, sen que estea fixada a variante supradialectal. 

Flocos de millo e pipocas

Mais a maior parte dos problemas que detecta non son de exceso, senón de déficit de termos. “Desde o século XV o léxico non se enriquece e iso levou a unha externación, as lagoas son preenchidas con castelanismos. Nesta altura temos que decidir como preenchemos esas lagoas e se admitimos ou non castelanismos. Esta é unha problemática moi grave para o galego que causa incoherencia interna na lingua e, de facto, será un dos temas principais dos meus artigos”, avanza Carlos Garrido.

A primeira das achegas de Garrido levará por título “Uma cobra no jardim lexical galego

Ao seu ver, a RAG está a “facer neoloxía mais mal feita, cunha fortísima castelanización que acarreta problemas funcionais e de funcionamento das palabras”. Como exemplo, pon a variedade de millo estalado que se consome no cinema que a RAG decidiu chamar “flocos de millo” mais que é a maneira de traducir os cereais do almorzo do inglés, como xa se está etiquetando nalgúns produtos industriais. “A RAG neste caso non admite o castelán e inventa unha solución que provoca ambigüidade. A que se refire con flocos de millo? Aos que se toman no cinema ou aos do almorzo? A solución que se revelará máis ventaxosa será recorrer á converxencia co portugués, coas variedades xeográficas do galego plenamente normalizadas e, neste caso diferenciariamos flocos de millo e pipocas”. 

“Neste sentido, e con este obxectivo, o tema ten interese para todos os galegos e galegas que queiran vivir unha lingua con dignidade e eficacia, homologada a calquera lingua de cultura do mundo”, defende Garrido.

A primeira das achegas de Garrido levará por título “Uma cobra no jardim lexical galego”, arredor das distintas maneiras de chamar os ofidios.

Comentarios