Segunda edición de youtubeir@s: inzar as redes de vídeos en galego

Nove concellos, as tres universidades e a Deputación da Coruña organizan un proxecto que procura fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego.

presentación youtubeiros
photo_camera Presentación Youtubeiros

Un idioma sen complexos que reclama o seu espazo e protagonismo na segunda rede mundial máis usada, Youtube. ‘Youtubeir@s’ chega á súa segunda edición con máis forzas e folgos mais co mesmo obxectivo co que naceu, promover e dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global: Youtube.

O Proxecto Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña. A iniciativa pretende fomentar a creatividade con temas propios e xerar referentes en galego dun novo axente con gran repercusión social dende o mundo dixital como son os youtubeiros. 

O proxecto abrangue varias liñas de acción que van dende campañas de incentivación do uso do galego a través da citada plataforma até a formación de youtubeiros e youtubeiras, pasando por actividades para outorgarlle visibilidade ao proxecto, pola dinamización nas redes sociais co obxectivo de xerar comunidade ou pola convocatoria dos Premios Youtubeir@s.

Premios Youtubeir@s

Nos Premios Youtubeir@s poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público.

Este último galardón do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano, xa que as persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira.

Por outra banda, o proxecto Youtubeir@s incluíra diferentes programas formativos que se desenvolverán nos concellos e nas universidades organizadoras. Os obradoiros serán impartidos pola produtora Illa Bufarda e farán fincapé nesta nova edición nas persoas maiores de 50 anos non familiarizadas coas novas tecnoloxías Ademais, Youtubeir@s estará presente en eventos culturais galegos como son o Culturgal  e festivais relacionados coa creación audiovisual e dixital.

Organización

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.

Comentarios