Segunda edición dos premios ‘Mil Primaveras’

Convocada pola CTNL para dar recoñecemento a proxectos de posta en valor e fomento do galego.

xurado premios mil primaveras
photo_camera Xurado da anterior edición do 'Mil Primaveras' (Cedida).

A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os II Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, iniciativa que naceu en 2019 para recoñecer accións, campañas, proxectos e programas concretos que teñen como obxectivo promover o uso e o prestixio da lingua.

Poderán ser candidatos os proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2018, 2019 ou 2020 (até a data de finalización do prazo de inscrición).

Para abranguer propostas diversas e diferentes colectivos e ámbitos sociais, os premios contarán con seis categorías: mellor proxecto estabilizado, mellor proxecto novo, mellor comunicación e impacto, o proxecto máis innovador, ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade e ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial

A participación nos premios é voluntaria e a presentación dos programas de normalización lingüística candidatos deben facela as propias entidades que os desenvolveron, pois só elas poden describir de forma detallada os aspectos técnicos da súa planificación, xestión, execución e avaliación.

Todas as candidaturas deberán ser de programas, proxectos ou accións xa desenvolvidas e con vixencia total ou parcial en 2018, 2019 ou 2020.  A inscrición faise a través dun formulario dispoñíbel en www.milprimaveras.gal. O prazo para inscribir proxectos está aberto do 17 de febreiro ao 5 de abril de 2020.

Primeira edición dos Premios Mil Primaveras

No ano 2019 tivo lugar a primeira edición destes premios, que serviu para recoñecer seis proxectos de normalización lingüística que se poden consultar en detalle no web: Modelo Burela (IES Perdouro), Falemos de ti e min (IES de Soutomaior), Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), Proxecto Youtubeir@s (13 concellos, a Deputación da Coruña e as tres universidades), Eu presumo de galego (IES de Melide) e GCiencia.

Comentarios