Anxo Lorenzo acusa a Queremos Galego de xerar un conflito que non existe na sociedade

O secretario xeral de Cultura cre innecesario o debate sobre a lingua

Anxo Lorenzo
photo_camera Anxo Lorenzo

Un día despois das mobilizacións multitudinarias a favor do galego, o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Manuel Lorenzo, restoulle importancia ás demandas da cidadanía durante o Día das Letras Galegas. Nunha entrevista concedida a Radio Galega, Lorenzo considerou “que o debate político pola convivencia do galego e o castelán é innecesario”.

O responsábel de Cultura xustificou estas afirmacións posto que, segundo él, a sociedade galega ten clara a cuestión da lingua. “Os galegos pasan dun idioma ao outro sen problema. O asunto é moi doado: as linguas suman, non restan, e aportan riqueza”, afirmou.

Preguntado polas súas diferenzas con organizacións como A Mesa pola Normalización Lingüística, Anxo Lorenzo evitou referirse a ningunha en concreto, aínda que acusounas de xerar “un conflicto porque para algúns a convivencia entre ambas as dúas linguas é negativa”.

“A suba do IVE non é o problema”

Anxo Lorenzo achacou a crise do sector á “cultura de todo gratis” e a piratería

O outro tema quente da entrevista xirou en torno ao papel da Administración nas industrias culturais. O secretario xeral do ramo deixou claro que o problema da caída do consumo cultural se debe en gran parte á crise e non tanto ao aumento do IVE. “Creo que ten que baixar, pero a suba tivo unha explicación por parte do Goberno central”, asegurou.

Rexeitou a imaxe de que o sector viva das subvencións, mais recoñeceu que pasa por dificultades de financiamento. Lorenzo apuxo esta situación á “cultura de todo gratis” e a piratería, como os principais problemas das industrias culturais. “Temos que encontrar fórmulas que conxuguen a protección da propiedade intelectual e a rede como potenciador cultural”, dixo Lorenzo, que apuntou como exemplo a recente reforma impulsada polo ministro José Ignacio Wert.

Comentarios