Sánchez anuncia un "proxecto estratéxico" que enxalza o español e esquece o galego, o catalán e o euskera

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou na mañá da sexta feira que o Consello de Ministros vai aprobar un Proxecto Estratéxico nas próximas semanas co obxectivo de xerar oportunidades de negocio tendo como base a lingua española. Chamarase "O español, val da lingua" e con el quere aproveitar o potencial do idioma en multitude de campos como a tecnoloxía, o turismo ou a industria. Nada di ao respecto das outras linguas oficiais do Estado español.

Pedro Sánchez e António Costa, no Foro da Toxa (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez e António Costa, no Foro da Toxa (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Así o anunciou o xefe do Executivo durante a súa intervención na clausura do Foro da Toxa, que preside o ex ministro Josep Piqué e ao que tamén acudiu o presidente portugués Antonio Costa.

Neste contexto, o presidente do Goberno español anunciou a aprobación nas próximas semanas dun novo "Proxecto Estratéxico". Unha iniciativa transversal que promoverá a aprendizaxe, a transformación dixital, o turismo, as industrias culturais, a ciencia e a empresa tendo como base "o noso idioma común que é o español".

Pedro Sánchez afirmou que se trata de "xerar oportunidades de negocio" ao redor da lingua española e acordes cos principais avances innovadores e tecnolóxicos no ámbito da robótica, da intelixencia artificial, etc.

"Adóitase falar da riqueza das nosas linguas e que podo dicir eu aquí na Galiza, por suposto que si, das catro linguas cooficiais recoñecidas na nosa constitución e é un acerto porque atesouramos catro linguas que fan de España un país único, grande e rico", alegou o xefe do Executivo español.

Con todo, puxo o acento en que, aínda que todas esas linguas encerran un valor económico, é o español, "o castelán", o que "en particular" é coñecido fóra de España por "600 millóns de seres humanos que forman parte da comunidade hispano falante".

Isto conforma, segundo dixo, un potencial de xeración de emprego cualificado, de creación de valor e tamén de desenvolvemento industrial en toda a transformación dixital que está a abordar o conxunto da humanidade. Por iso, concluíu que "é o momento de investir no potencial que ten a nosa lingua común que é o español".

O anuncio de Sánchez chega días despois de que a vicepresidenta Nadia Calviño resaltara, en resposta ás críticas á Lei do audiovisual -que discrimina os idiomas das nacións sen Estado- que o castelán "é a lingua que permite un papel poderoso".

O español, apuntou Calviño, "é a lingua que nos une e que realmente nos permite desempeñar un papel tan poderoso na produción audiovisual en todo o mundo”.

Tamén chega na mesma semana en que o Goberno estatal denegou unha axuda ao Concello de Cambados por achegar a documentación en galego. Unha práctica que denunciará A Mesa pola Normalización Lingüística perante o Consello de Europa debido ao incumprimento da Carta Europea das Linguas Minorizadas.

 

Comentarios