martes 28/09/21

Sae do prelo o primeiro dicionario sobre o galego de Asturias

O galego de Asturias tan só contaba cunha serie de vocabularios dalgúns concellos ou lugares, mais ningún proxecto comarcal no seu conxunto. Agora vén de saír á luz o 'Dicionario do galego de Asturias', a suma da análise desas fontes publicadas, da man do profesor e investigador Carlos Xesús Varela Aenlle.
O filólogo Carlos Xesús Varela Aenlle en Eilao, Asturias (Foto: Cedida).
O filólogo Carlos Xesús Varela Aenlle en Eilao, Asturias (Foto: Cedida).

"O Dicionario do galego de Asturias naceu da necesidade imperiosa de recoller a riqueza léxica da área lingüística dialectal da comarca do Eo-Navia". Con estas palabras preséntase unha obra xa cume para a lingua galega, que vén de saír do prelo, grazas ao labor do profesor e investigador Carlos Xesús Varela Aenlle, baixo os auspicios da Universidade de Vigo (UVigo). E é que o galego de Asturias, a lingua propia dos concellos de Allande, Boal, Castropol, Coaña, Eilao, El Franco, Grandas de Salime, Ibias, Navia, Pezós, San Martín de Ozcos, Santalla de Ozcos, Santiso de Abres, Tapia de Casarego, Taramundi, A Veiga, Vilanova de Ozcos e Villaión, malvive nun desleixo administrativo que o invisibiliza e discrimina desde diferentes direccións. E precisamente por ese motivo a publicación desta obra se converteu nunha "necesidade imperiosa", "porque a lingua está a perderse", explica en conversa con Nós Diario Varela Aenlle.

A iniciativa de recoller todo este vocabulario xurdiu sendo Carlos Xesús Varela Aenlle membro da Mesa prá Defensa do Galego de Asturias, organización desde a que se pensaba facer un dicionario que englobase estes 18 concellos do Eo-Navia, na parte asturiana, mais o de Negueira de Muñiz, da mesma área lingüística. "A idea estaba aí mais ninguén a levaba a cabo", conta para Nós Diario o autor. 

O punto de inflexión para sacar adiante o volume foi unha descuberta: "Atopei un dicionario, dos anos 40, de Dámaso Alonso, sobre a comarca dos Ozcos e de Castropol, no soto da Real Academia Española. Este, curiosamente, estaba desaparecido. Tiña un total de 7.000 fichas con debuxos ao lado do significado, unha marabilla”, afirma. A través da Real Academia Española e da Galega puido introducilo na obra. "Encontralo foi como un foguete de aire”, di. 

Até agora "non existía un dicionario en si" sobre o galego de Asturias, tan só "había léxico recollido por parroquias, por concellos… mais normalmente o que se facía era unha descrición, en español, polo que se perdían moitísimos matices", comenta. Mais nesta obra foron incluídas "todas as variantes existentes para que as e os eonaviegos teñan unha referencia”. 

A mala saúde do galego de Asturias 

A lingua galega en Asturias actualmente “está en perigo”. Por unha parte, "pola españolización, polo castelán”, e, pola outra, "non é que estea en perigo polo asturiano, mais si polos medios, que fan os programas do Eo-Navia en asturiano", explica Varela Aenlle, sen ser esta a lingua propia do territorio. “Tería que haber unha desconexión para que os programas que están relacionados con esa comarca sexan en galego”. "Debemos pensar que Asturias ten dúas linguas autóctonas, non unha, mais a Academia de la Llingua Asturiana (ALLA) non a recoñece" a pesar de que "todos os filólogos históricos, desde Dámaso Alonso, afirman que é galego".

Os deberes pendentes

Preguntado polos deberes pendentes para a recuperación e normalización do galego en Asturias, o investigador Varela Aenlle afirma, rotundo: “Moitísimos”. A oficialidade da lingua, por un lado, a conexión coa Galiza, por outro, son os primeiros que cita. “Fun representante en Europa coa Carta de linguas minorizadas e podo asegurar que o Principado de Asturias está incumprindo case todos os puntos". "Non hai unha protección legal nin en toponimia nin en medios… Teñen que ter unha relación co mesmo tronco lingüístico e non existe", expón. É dicir, "non se cumpre absolutamente nada". De feito, a "tutela" é da ALLA, unha “cousa anacrónica”, critica

Por outra banda, gran parte da sociedade galega descoñece que nesa comarca se fala galego "e moitas persoas incluso negan" ese feito. "Aínda que o movemento asturianista si evolucionou en positivo, unha parte galega non o considera así", expón. Mais o desinterese comeza na Xunta da Galiza e no Parlamento galego, onde "ningún partido presta atención ao galego de Asturias", a diferenza do que acontece no Bierzo ou mesmo na raia con Portugal. "Por que non hai iniciativas? A resposta é sempre silencio", confesa. A propia publicación deste Dicionario “non foi precisamente un camiño de rosas”, confía o autor para Nós Diario. A obra saíu adiante grazas á UVigo, sen apoio nin da Xunta nin da Real Academia Galega nin do Consello da Cultura. “Falei con [Víctor] Freixanes e [Henrique] Monteagudo para publicar o dicionario na RAG, mais a resposta foi que non era de demasiado interese e que se podía producir un enfrontamento con Asturias”. 

Abrir novos camiños

O Dicionario do galego de Asturias é unha primeira obra que pode abrir novos camiños para a lingua galega. Contar cunha publicación deste estilo "é un éxito”, celebra o autor. "É importante que se decaten de que hai motísimo léxico que no galego eonaviego aínda pervive". Como exemplo, comenta que grazas a esta pesquisa introduciron no dicionario da Real Academia Galega (RAG) o termo “ozca”, que é un paso estreito entre montes. "Na cuestión do parentesco o eonavia é rigoroso, tamén ao marcar o tempo, que é diferente, ou nos nomes das crías dos animais, do oso ou da troita", explica. “A RAG debería integrar todo ese vocabulario" e non excluílo. Como a fórmula “ir en pampaneira”, o “ir en volandas” español, unha frase “que me parece preciosa”, conclúe.

comentarios