O ESPÍA NOS QUIOSQUES NO 8-F

Revista de Medios: cando a palabra política na televisión pública é exclusiva de Feijóo

O telexornal da TVG emitiu en dúas ocasións case seguidas as declaracións completas do presidente da Xunta sobre a mobilización de Queremos Galego, pero evitou as opinións de calquera outro representante político malia a presenza de moitos deles na marcha. 

tvg manipulacion
photo_camera Manifestantes

Non empezaba nada ben a cobertura dos medios públicos galegos da multitudinaria manifestación de Queremos Galego en Compostela. Cando arrincaba a marcha e xa se podía comprobar que eran milleiros as persoas que secundaban a convocatoria, o web da CRTVG referíase a “centos”, reducindo así bastante a asistencia. Porén, a realidade tiña demasiada forza. E cando comezou o telexornal, recoñeceron que alí, en efecto, había milleiros, malia que evitaron en todo momento referir a cifra estimada pola organización, unhas 25.000 persoas.

Con todo, o protagonista persoal do día para o informativo da TVG era, como non, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Se a primeira nova nos titulares foi a manifestación, a segunda xa se centrou nas declaracións, completas, do líder do PP galego sobre as causas da protesta, que desviou cara á outros terreos, ao sinalar que o problema da lingua propia está nas casas, e non nas aulas. Balóns fóra. Repetidos. Porque as declaracións de Feijóo emitíronse enteiras en dúas ocasións con apenas oito minutos de diferencia. Seica o seu pensamento era a prioridade.

Porque se ben a información sobre a marcha foi correcta, nela só incluíron declaracións de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización, e de persoas anónimas. Nin rastro de dirixentes políticos, aos que nin nomearon reducidos a “representantes de todas as forzas da oposición” namentres emitían unha rápida imaxe dun deputado socialista e unha eurodeputada de Anova (Francisco Caamaño e Lidia Senra, respectivamente) sen nomear nin amosar, por exemplo, o moi presente BNG.

Faro de Vigo publica a información no seu web en castelán, mesmo traducindo as mensaxes das faixas

E non pasa nada porque a TVG dea voz a manifestantes anónimos, ao contrario. Pero que vete a oposición ao tempo que centra foco en Feijóo como que moi neutral non parece. Como tampouco que a sexta nova do día -a terceira política- fora un discurso de Alicia Sánchez Camacho. De verdade que é tan importante para Galiza o que diga o PP catalán, quinta forza alí? Sospeitoso.

Nos medios dixitais, La Voz dedica a súa apertura á manifestación. Tamén está moi presente noutros periódicos, como no Faro de Vigo, onde por desgraza a nova está redactada en castelán, mesmo traducindo a pancarta que abría a marcha, que segundo o diario olívico poñía “Por Nosotros”, en español. E non, estaba en galego, por suposto. Por nós.

Comentarios