venres 25/09/20

Remedios Martínez, técnica do concello da Pobra de Trives: "Desde o turismo tamén se defende o idioma"

Traballar no rural difundindo os seus atractivos sempre foi o soño de Remedios Martínez González. Logrouno como técnica de turismo no concello da Pobra de Trives cando decidiu deixar a cidade de Vigo para voltar ás orixes. Conseguiu cos anos coñecer cada recuncho desta fermosa comarca e valorar cada un dos seus espazos históricos que, asegura, non desmerecen os que podemos atopar noutros lugares do país. Participa de múltiples actividades socioculturais e traslada a través das redes sociais, ademais, o seu amor pola lingua galega.    
Remedios Martínez González, técnica de Turismo do concello da Pobra de Trives (Nós Diario)
Remedios Martínez González, técnica de Turismo do concello da Pobra de Trives (Nós Diario)

Como é o seu traballo?

Gústame atender o turista que entra pola porta, ensinarlle o encanto da zona onde vivo. Para min poder facelo é o máximo. Durante algún tempo tamén levei as redes sociais municipais. A miña visión fundamental é visibilizar Trives. Penso que estamos nun paraíso, mais é un paraíso descoñecido. Falta por explotar e, ademais, que moitos de nós creamos nel. Temos de todo: natureza, patrimonio, turismo cultural e tamén etnográfico.

A xente que nos visita sorpréndese do que atopa. Non conta con que nun concello tan pequeno poidamos ter tantas posibilidades. Tamén segue a ser descoñecido pola xente de aquí, decátome nas actividades que facemos.

O interior do rural galego, como é o caso de Trives, sabe “venderse”?

Penso que si, aínda que estaría ben querernos máis e non só en Trives. A idea valería para toda a Galiza. No meu caso sempre tento atraer xente, participar en actividades socioculturais da vila. É unha maneira de saber vender. Hai que seguir aprendendo. Se cres que xa tes todo aprendido vas mal. Agora hai bastante xente nova apostando por quedarse aquí en proxectos moi interesantes na hostalaría, fornos, viñedos,... E para todos os casos é importante que soe o nome de Trives.

Hai facilidades para que a mocidade quede a vivir no rural logo?

Podo contar a miña propia experiencia. Eu cando rematei o Bacharelato en Trives tiven que marchar para seguir formándome. Unha vez fóra sabes que por estatística non volves. Entendo que quen estuda determinadas carreiras quere traballar nelas se pode, mais o conto é como volver. No meu caso cando tiven a oportunidade, non o dubidei, aínda que con medo. Levaba anos en Vigo e arrisquei. Non me arrepinto. Iso si, é moi difícil.

O rural está moi abandonado, tírase pouco del. Calquera expectativa de traballo séguese a ver nas cidades. Por moito que che guste a túa vila, se non tes nada asegurado... Sempre digo que teño que ter un traballo. Na miña casa, igual que na cidade, teño calefacción, teléfono, luz... mais hai que pagala, non valería que lles enviase unha caixa de leitugas.

Ten que haber un salario. Nese campo, queda moito por facer no rural. Ten que haber xente emprendedora mais tamén ten que haber apoios. Esas persoas que apostan polo rural teñen que sentirse arroupadas e guiadas para non perderse. A burocracia non o pon fácil. 

Ten participado en varias campañas en defensa do galego. Cre que a lingua goza de boa saúde nas Administracións?

Para min, fraquea. É a miña lingua e gústame usala e a nivel da Administración penso que debería ser unha obriga usala. Calquera escrito, calquera notificación, debería facerse en galego. Non debería existir esa lagoa de que "igual non me entenden". Pasoume de facer un cartel e algún compañeiro comentar de que en castelán entenderían mellor. Paréceme absurdo. 

Eu creo que teño que facelo en galego. Na miña cabeza non entra esa dúbida, sáeme o galego. Cando atendo as persoas que visitan Trives fálolles primeiro en galego e nunca tiven problemas. Desde o turismo tamén se defende o idioma. Evolucionouse desde hai uns anos na sociedade e tamén na Administración local. Agora, penso que queda moito por andar. E non é tan difícil.

Como anécdota lembro que nos meses de confinamento decidín publicar nas miñas redes sociais unhas fotografías xunto a un pequeno texto a modo de dietario. Tiveron moi boa acollida e resultou que me seguía e comentaba xente que non era galega nin vivía aquí, amizades de fóra que nunca preguntaron a razón de facelo en galego. 

comentarios