O refraneiro popular galego anda a revolucionar Ponteareas

O vídeo sobre o refraneiro popular que creou e subiu a Concellaría de Cultura alcanzou xa 11.000 persoas en 4 días, leva case 5.000 reproducións.

Xeada te,po Foto de @orodil
photo_camera Xeada (Foto de @orodil)

"Non hai lúa como a de xaneiro nin amor coma o primeiro", "En xaneiro, lume na lareira e porco no fumeiro", "En xaneiro xéase a auga nun caldeiro",... Estes son algúns refráns que andan a percorrer as redes sociais de Ponteareas. A iniciativa que xurdiu, no mes de novembro, da Concellaría de Cultura para fomentar o coñecemento e compartir entre o departamento e a cidadanía o refraneiro, comeza a coller forza nas redes sociais.

No mes de novembro, apenas foi unha imaxe con algúns refráns; en decembro, xa se converteu nun vídeo con algúns máis sobre o mes de Nadal; e, en xaneiro, achegou unhas fotografías das mañás de xeada que ilustraron de maneira gráfica os ditos.

“Comezou como unha actividade pequena para ir mantendo a programación cultural nestes tempos complicados para a actividade presencial e comeza a se converter nunha das nosas iniciativas máis secundadas dos últimos meses” comenta o concelleiro de Cultura Fernando Groba Bouza.

“O segredo do éxito deste pequeno vídeo, cremos que foi a combinación, por unha banda, da xenialidade das mostras de lingua cheas de sabedoría atemporal e, por outra, da fermosura das paisaxes brancas das que falan moitas delas e que xa botabamos de menos nos nosos invernos por mor do cambio climático e do quecemento global” indica.

Comentarios