xoves 01/10/20

A rede cidadá de colaboradores de ‘Galiza Nomeada’ recupera 4.000 microtopónimos

A aplicación recibiu máis de 600 solicitudes de persoas interesadas en rexistrar e xeorreferenciar nomes do territorio da súa contorna.

Galiza nomeada (RAG)
Galiza nomeada (RAG)

Galiza Nomeada, a aplicación posta en marcha pola Real Academia Galega e a Xunta para a recolleita colaborativa da microtoponimia, recibiu dende a súa posta en marcha o pasado 20 de decembro máis de 600 solicitudes de persoas interesadas en rexistrar e xeorreferenciar nomes do territorio da súa contorna. En apenas dous meses, os usuarios e usuarias introduciron na plataforma máis de 4.000 topónimos de montes, leiras, fontes e mesmo penedos ou rochas da costa en 140 dos 313 concellos galegos, “un traballo colectivo de gran valor que amosa a boa recepción cidadá que está a merecer a plataforma”.

Alén de compartir os nomes da terra e identificalos sobre a imaxe aérea do territorio galego dispoñíbel na plataforma, usuarios e usuarias tamén achegaron audios coa súa pronuncia ou con lendas asociadas, e fotos de elementos de interese cultural como cruceiros, muíños, capelas, fontes ou pontes existentes na súa zona de traballo. Unha vez validada esta información pola Real Academia Galega, calquera persoa poderá consultala entrando na ficha de cada topónimo no visor de Galiza Nomeada.

En canto ao traballo compartido polas persoas rexistradas, salientan as contribucións individuais dende Rianxo, onde a colaboradora Susana Silva achegou máis de 630 topónimos, e dende O Irixo, con máis de 509 topónimos incluídos por Xulio Dobarro. Destacan ademais achegas colectivas como os 1.025 topónimos xeorreferenciados en Silleda polo profesor Xoán Carlos García Porral mais o alumnado do IES Pintor Colmeiro.

Os máis de 4.000 microtopónimos que se incluíron no que vai de ano súmanse aos máis de 6.000 que durante a fase de probas da aplicación achegaron colaboradores como Alberte Reboreda, que documentou 2.150 en varias parroquias dos concellos de Mondariz, Mondariz Balneario, Covelo e Cercedo Cotobade; Ana Bravo, que recompilou 635 nas parroquias de Isorna e Leiro, en Rianxo; ou Rocío Romar, que identificou medio milleiro na parroquia de Baio, no concello de Zas, e noutras parroquias do concello de Malpica.

En total, os microtopónimos rexistrados a través de Galiza Nomeada son xa 10.273, dos cales a gran maioría, uns 9.000, xa foron validados lingüisticamente polo equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que coordina e revisa este traballo.

Todos estes nomes da terra súmanse aos topónimos de entidades de poboación do Nomenclátor de Galiza e aos máis de 430.000 rexistrados polo Proxecto Toponimia de Galiza (2000-2011) —que se centrou na recollida da microtoponimia—, de tal maneira que a cifra de topónimos recompilados actualmente supera os 482.445.

comentarios