As entidades da lingua dan o apoio á RAG no mantemento orzamentario

A resposta da RAG aos recortes orzamentarios de Madrid para o 2013 motivou un apoio unánime de entidades como o ILG, a CTNL, a AELG ou A Mesa. En Madrid, o BNG e o PSdeG-PSOE presentaron emendas á proposta do goberno de Rajoy.
Plenario da RAG

A presentación dos Orzamentos Xerais do Estado do goberno de Rajoy para o 2013 en que figura que a Real Academia Galega recibirá só 340.000 euros, un 70% menos que o millón de euros que recibía no último ano do goberno do PSOE en Madrid, tivo onte a súa resposta oficial por parte da RAG e causou un gran malestar en numerosas entidades. As declaracións do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, dunha “posíbel” desaparición da institución se esta quedaba sen fondos provocou unha reacción de apoio unánime á continuidade e unha defensa directa fronte a actitude de discriminación do goberno español.

No Instituto da Lingua Galega (ILG) Antón Santamarina, asegurou que aínda que non teña ningún tipo de axudas a RAG continuará, viviu sen subvencións no franquismo e o que esta a pasar agora é unha crise que se superará algún día”. Como membro tamén da RAG apunta que a institución deberá cancelar algún dos proxectos, “mais a actividade continuará”.

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) “é inexplicábel a precariedade nun dos símbolos fundacionais do noso país, a RAG xustifica a existencia doutras institucións como a da propia Xunta”. Para Sánchez Iglesias a RAG “debería ter un status aínda máis importante do que ten e o que vemos é que se lle castiga pola súa defensa do idioma e os seus últimos pronunciamentos”.

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG: “é inexplicábel a precariedade nun dos símbolos fundacionais do noso país"

O presidente da Coordinadora de Traballador@s de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal, pensa que a hipotética desaparición da RAG “é algo tremendo e inimaxinábel posto que unha lingua quede sen Academia é como se un país quede sen estrutura de estado, non ten sentido”. Na CTNL apoian as reivindicacións da RAG. Para Nel Vidal “a diminución dun 70% vai ser un sen sentido e máis se o comparamos co que reciben outras academias”.

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización lingüística, cre que “as institucións galegas teñen que recibir diñeiro público” e reitera o total apoio desde A Mesa ás reivindicacións da RAG”. Callón vai máis alá e opina que “non está ben que a reivindicación sexa só de carácter económico, a RAG pode facer moito máis, como fixo no caso do decreto, e ter unha postura máis activa en temas como o galego na xustiza, nos medios de comunicación, na educación, na administración,...”.

Os orzamentos da RAG no Senado

Agora mesmo, despois do seu paso polo Congreso d@s Deputad@s, a proposta do goberno español esta no Senado. Nese primeiro trámite o BNG presentou unha emenda para que a RAG recibise o mesmo orzamento que o ano anterior, 658.066 euros. “O PP non fixo nada ao respecto”, asegurou a deputada nacionalista Olaia Fernández Dávila, “entendemos que debería contar, como mínimo, co mesmo orzamento do ano anterior e nós insistiremos neste sentido aínda que sabemos que a responsabilidade é do PP”. Para a deputada do BNG “se o goberno español reduce é porque o PP se nega a apoiar a nosa institución e será o responsábel do que lle pase”. Fernández Dávila ten moi claro que “esta redución forma parte da política que ten o PP coas nosas institucións lingüísticas e históricas: non manda fondos, por un lado, e diminúe a capacidade de actuación da RAG, por outro”.

Olaia F. Dávila, BNG: "esta redución forma parte da política que ten o PP coas nosas institucións lingüísticas e históricas"

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE presentou unha emenda que, segundo o deputado socialista Guillermo Meijón, “é de mínimos”. A proposta socialista era de 500.000 euros para a RAG e tamén foi rexeitada. Para Meijón “hai unha coherencia total entre Rajoy e Feijóo en realizaren políticas en contra do galego”. Ao respecto do paso polo Senado deste tema asegura que “todo apunta que non haberá incrementos, pola práctica do día a día só aceptan emendas do seu propio grupo”.

Comentarios